Unha educación moi custosa cada vez máis empobrecida

Unha educación moi custosa cada vez máis empobrecida

rIMG_8534A masificación das aulas dos centros de ensino público tanto de educación primaria como secundaria é unha realidade; unha realidade que cada vez se fai máis crúa rexistrándose con máis asiduidade aulas que superan considerablemente o número de 30 alumnas e alumnos. E, como non, estamos ante unha situación provocada pola persistente política de recorte que leva exercendo o Partido Popular dende que chegou ao poder tanto na Xunta de Galiza como no goberno do Estado.

Concretamente, esta realidade é consecuencia dunha lei aprobada no ano 2012, pola que, en base a razóns de limitación do gasto público, se ampliou até un 20 por cento o número máximo de alumnos por aula en todas as etapas da ensinanza, tanto na educación obrigatoria como na opcional.

Pero esta situación, xa de por si grave, éo aínda máis no caso da cidade de Lugo. Segundo datos da Fapacel a masificación das aulas é especialmente acusada nos centros de primaria e secundaria do centro da cidade. Así, no IES Lucus Augusti hai, a día de hoxe, seis aulas de ESO con 30 alumnos cada unha, seis de primeiro de Bacharelato e cinco de segundo, cada unha delas con 35; unha situación moi semellante á do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Ademais, esa masificación das aulas que se dá na cidade de Lugo tamén é resultado doutra decisión desacertada por parte do Partido Popular, neste caso adoptada dende a Xunta de Galiza, pola que converteu ao IES As Mercedes en Centro Integrado de Formación profesional, o que no seu momento obrigou a mover a arredor de 200 alumnos e alumnas a outros institutos lucenses para cursar ESO e Bacharelato, e que neste caso afectou principalmente ao IES Sanxillao, o único de Educación Secundaria e Bacharelato en funcionamento na zona sur da cidade, evidenciando así a necesidade dun novo centro que cubra as necesidades dunha parte da cidade na que se rexistra unha alta taxa de persoas en idade estudantil.

Con todo isto estamos ante un empeoramento considerábel do nivel educativo no noso País, derivado dunha redución importante tanto no tempo como na calidade da atención, xa que o elevado número de alumnas e alumnos por aula, converte algunhas clases en misión imposible, non podendo o profesorado resolver todas aquelas dúbidas que poidan xurdir entre o alumnado respecto a algún tema ou caso tratado durante unha clase.

Isto obriga a moitos pais e nais a recorrer a clases particulares para que os seus fillos e fillas teñan unha mellor educación e poder así resolver esas dúbidas que mencionaba antes. Unhas clases de reforzo que custan cartos a uns pais e nais de familia que aínda por riba, ven incrementado o gasto da educación pública, coa eliminación do sistema de préstamo de libros de texto ou co actual copagamento do comedor escolar, por poñer algúns exemplos. En definitiva, unha educación máis custosa para unhas familias cada vez máis empobrecidas.

 

Artigo de opinión sobre a masificación nas aulas dos centros de ensino público

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

Unha educación moi custosa cada vez máis empobrecida