Lugo recupera os seus tesouros

Lugo recupera os seus tesouros

IMG_0620Oito meses despois de ter que anunciar unha “moi mala noticia para Lugo”, con palabras textuais, poido dicir alto e claro que a data de onte será lembrada por todo o contrario. O día de onte puxemos punto e final a 14 anos de desencontros entre a Deputación de Lugo e os herdeiros de D. Álvaro Gil, iniciados nos anos 1999, 2000 cando D. Francisco Cacharro Pardo gobernaba a institución provincial, co próximo regreso, e dun xeito definitivo, da colección de ourivería ao museo que a custodiou durante 4 década. Enriquécese así un museo que, con ou sen ela, ofrece unhas riquísimas coleccións e unha intensísima actividade cultural diaria.

Unha magnífica noticia, sen dúbida, para a cidadanía lucense que sobresae dos límites provinciais xa que recuperamos para desfrute do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego, como viñeron demandando as distintas asociacións culturais galegas nestes tempos, sen esquecernos da importancia a nivel turístico e económico para a cidade de Lugo.

Logo dunha negociación longa e intensa, a área de Cultura da Deputación de Lugo adquire, para pór á disposición de todas e todos os lucenses, a colección de Ouvería que Álvaro Gil cedera ao Museo Provincial de Lugo en 1974. Unha colección de 40 pezas entre as que se atopa o prezado Torques de Ouro, o Carneiro Alado, o Torques de Plata de recadiera, pezas datadas entre o 1.800 a.C e o 400 d.C, ou a onza de Fernando VI, que data de 1749, entre outras.

Coa adquisición deste legado non só recuperamos un tesouro dos e das lucenses e para os lucenses, senón que devolvemos a Lugo e a súa provincia unha parte importantísima da súa historia, xa que das pezas adquiridas a maioría proceden de distintas localidades lucenses como Viveiro, Mondoñedo, Burela, Foz, Castro de Rei, Riotorto ou Ribadeo.

Así, a sala número 8 do Museo de Lugo, coñecida como a sala do Tesouro, volverá a ter o esplendor do que gozaba até o pasado mes de outubro, cando as pezas foran retiradas, agora podemos aseverar que de forma temporal, da nosa Rede Museística.

 

Artigo de opinión sobre o legado de Álvaro Gil

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

Lugo recupera os seus tesouros