Os accesos ao CEIP de Albeiros dende a Garaballa precisan de pasos peonís seguros

Os accesos ao CEIP de Albeiros dende a Garaballa precisan de pasos peonís seguros

O BNG reincide na instalación de máis puntos de luz e pasos que separen aos peóns dos vehículos.

 

Lugo, 22 de agosto de 2016.  A  concelleira do BNG Maite Ferreiro expuxo a situación na que se atopan os accesos dende a Garaballa cara ao CEIP de Albeiros, dado que en moitos dos tramos as persoas teñen que compartir espazo de circulación con vehículos e nalgúns puntos ata existe unha iluminación insuficiente. A propia edil lembrou que o BNG xa presentara un rogo á comisión municipal en setembro do 2015, hai case un ano, para tratar de solucionar as eivas existentes nesta zona, “a día de hoxe a situación é a mesma, e nas zonas máis próximas á Ronda Norte os perigos son evidentes”. Dende o grupo nacionalista apuntaron que esta xa fora unha demanda feita por algúns veciños da zona no seu día, e que se repite neste momento “vai comezar o curso escolar e cómpre buscar solucións para poder garantir a seguridade” dixo Ferreiro

Albeiros10

A  concelleira nacionalista explicou que é consciente que non se van poder crear estes pasos seguros para o inicio de curso, polo pouco prazo existente, polo que propuxo que se faga un maior control a través da policía local para incrementar a seguridade das nenas e nenos nesa zona “pero sempre como algo provisional e sen deixar de lado a creación dunha solución”.

En relación con isto Maite Ferreiro tamén apuntou como nese mesmo lugar, do outro lado da Ronda Norte, para chegar a algunhas das casas da Garaballa os veciños e veciñas teñen que transitar por zonas pouco seguras para os peóns e cunha escasa iluminación. “É un verdadeiro perigo poder chegar á casa atravesando estradas con moitísimo tráfico, sen beirarrúas e cunha escasa iluminación” afirmou Maite Ferreiro, que considerou que sería preciso tamén a instalación de pasos de peóns na vía que une a Ronda Norte e a Avenida Duquesa de Lugo.