O BNG-AA anima ás plataformas a utilizar o balcón da casa consistorial para as súas reivindicacións

O BNG-AA anima ás plataformas a utilizar o balcón da casa consistorial para as súas reivindicacións

IMG_7235“É positivo que a casa do pobo se poida utilizar para reivindicar as causas xustas que benefician a Lugo e ás persoas que aquí vivimos” dixo Rubén Arroxo

O voceiro do BNG-AA comprometeuse a dar apoio a colectivos e plataformas para tramitar a colocación de pancartas reivindicativas no balcón do concello

Lugo, 9 de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, manifestou a súa satisfacción polo feito de que “o goberno municipal abra a posibilidade de que plataformas e colectivos poidan utilizar o balcón da casa do concello para facer reivindicacións públicas que vaian en favor dos intereses da cidade e do país”. “É positivo que a casa do pobo se poida utilizar para reivindicar as causas xustas que benefician a Lugo e ás persoas que aquí vivimos” concluíu Rubén Arroxo.

Para o BNG-AA “trátase dunha novidade implantada por este goberno municipal, que aplaudimos por que nós sempre apostamos pola participación e por dar visibilidade ás loitas sociais”. Arroxo lembrou que o BNG xa tiña solicitado nalgunhas ocasións a colocación deste tipo de faixas reivindicativas “mais o goberno socialista de López Orozco sempre imposibilitou facelo”.

O voceiro do BNG-AA comprometeuse a dar apoio a colectivos e plataformas para tramitar a colocación de pancartas reivindicativas no balcón do concello. Arroxo dixo que “entendemos que a partir de hoxe, o goberno municipal, establecerá un cauce para que se poida solicitar a colocación de pancartas no balcón da casa consistorial”.

Unha faixa sobre a figura de Manuel María durante o Arde Lucus

Arroxo anunciou que “mañá mesmo solicitaremos, dende o BNG-AA, que durante a festa do Arde Lucus se coloque no balcón da casa consistorial unha faixa sobre a figura de Manuel María” e explicou “este é o ano no que o día das letras foi adicado a un dos máis grandes escritores galegos co que Lugo ten unha relación moi importante, e o Arde Lucus é unha data perfecta para que os milleiros de visitantes que se achegan á cidade coñezan e recoñezan este nosos poeta nacional”.

O BNG-AA anima ás plataformas a utilizar o balcón da casa consistorial para as súas reivindicacións