O BNG-AA pedirá, no pleno, a remunicipalización do servizo de limpeza e recollida do lixo

O BNG-AA pedirá, no pleno, a remunicipalización do servizo de limpeza e recollida do lixo

IMG_1827Rubén Arroxo lembrou que o vindeiro 31 de marzo remata a concesión á actual empresa e o concello deberá establecer cal vai ser o novo sistema de xestión

“Entendemos que non se pode volver ao sistema de concesión para evitar dificultades polas que xa pasou este concello en relación a este servizo” dixo Arroxo

Lugo, 10  de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que no vindeiro pleno da corporación municipal, a formación que representa, presentará unha moción para pedir que se inicien os trámites para executar a municipalización do servizo público de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte para o seu tratamento. “Entendemos que non se pode volver ao sistema de concesión para evitar dificultades polas que xa pasou este concello en relación a este servizo” dixo Arroxo

Rubén Arroxo explicou que o 31 de marzo de marzo de 2017 finaliza o contrato de concesión dos servizo de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte para o seu tratamento. Explicou que “a falta de 9 meses para que este contrato remate aínda non hai novas de cal vai ser a solución adoptada para cubrir este servizo” e sinalou que “imos tomar a iniciativa para impulsar este proceso de municipalización do servizo e que despois se poida decidir cal vai ser o sistema de xestión, logo haberá que apostar por unha xestión directa ou indirecta segundo resulte máis vantaxoso en canto á eficiencia e á avaliación económica”.

Arroxo dixo que “dende o noso grupo defendemos a municipalización de todos os servizos que sexan posibles, entendemos que se debería estudar esta posibilidade xa que existen experiencias noutros concellos que amosan como a xestión directa permite aforros importantes a nivel económico, a maiores de que facilitaría a toma de decisións sobre o funcionamento do propio servizo”.

Na actualidade o servizo público de limpeza viaria, recollida de residuos e transporte para o seu tratamento está en réxime de concesión. Esto implica que a capacidade legal de actuación do concello sobre a empresa é limitada durante un imporatante número de anos. Existen outros modelos, como é o caso do mantemento de xardíns, no que a empresa ten un contrato de prestación de servizo co concello de Lugo e é o concello que ten capacidade para tomar decisións sobre o traballo que desenvolve a empresa contratada.

Para o BNG-AA é importante evitar situacións como a vivida no verán do 2014, cando un conflito laboral obrigou aos lucenses a sufrir 59 días de parálise do servizo. É preciso lembrar que este é un servizo obrigatorio, polo que debe ser tomado con total firmeza. Dados os prazos de tempo necesarios para este tipo de procesos, cómpre inicialo de forma inmediata para evitar que se dea unha nova situación de ter que sufrir a existencia de máis un servizo funcionando a través dunha concesión con contrato caducado no Concello de Lugo.

O BNG-AA pedirá, no pleno, a remunicipalización do servizo de limpeza e recollida do lixo