O BNG-AA pide que se investigue que no lume xunto ao HULA non haxa intereses urbanísticos

O BNG-AA pide que se investigue que no lume xunto ao HULA non haxa intereses urbanísticos

Para Rubén Arroxo “A lei do PP que pemite recalificar terreo queimado é máis perigosa que que leve máis de 2 meses sen chover”

Lume Hula

Lugo, 10 de agosto, 2015. Rubén Arroxo achegouse ata o lume que se iniciou este luns nuns terreos próximos ao HULA. O concelleiro nacionalista cre que puido ser provocado e di que haberá que investigar que non haxa intereses económicos por detrás “Son uns terreos que poden resultar moi interesantes para quen queira volver especular ca construción”. Arroxo chegou ao incendio nada máis iniciarse onde opinou que é pouco probable que se dera por causas naturais “a grande maioría dos incendios son provocados e en moitos casos por algún tipo de interese”. “A lei do PP que pemite recalificar terreo queimado é máis perigosa que que leve máis de 2 meses sen chover”, referíase o voceiro nacionalista á modificación lexislativa aprobada polo PP dende o goberno central, que lle permite ás comunidades autónomas recalificar os terreos queimados de forma inmediata e non ter que agardar 30 anos como acontecía antes.

O BNG – Asembleas Abertas manterase atento do que poida acontecer con eses terreos, co fin de evitar calquera tipo de suposto interese escuro. “Neste país hai xente que non ten problema en queimar a nosa riqueza natural se é por encher outro tipo de riqueza, a do seu peto”. Estes terreos están situados entre o hospital e o polígono da Campiña, ben comunicados a través da Ronda Leste, e nunha zona na que xa houbo polémicas a respecto do PXOM, xa que na contorna do HULA se atopa unha parte do 5% do plan que aínda non foi aprobado, en concreto dun dos urbanizables, o que para Rubén Arroxo resulta “cando menos chamativo que o lume tivese sido xusto nesas proximidades”. En todo caso o grupo nacionalista dixo que agardará a que as investigacións aporten máis datos para poder seguir os acontecementos.  

O BNG-AA pide que se investigue que no lume xunto ao HULA non haxa intereses urbanísticos