O BNG–AA reclamará información sobre a execución das partidas dos orzamentos participativos

O BNG–AA reclamará información sobre a execución das partidas dos orzamentos participativos

IMG_0961Rubén Arroxo afirmou “o espíritu deste tipo de actuacións está na súa difusión para que a xente saiba que está a ter unha participación real”

O BNG  - Asembleas Abertas aposta por que os barrios e as parroquias teñan participación no deseño dos orzamentos

Lugo, 8 de setembro de 2015.  O grupo municipal do BNG – Asembleas Abertas presentará unha iniciativa, dirixida á comisión de economía, para que se difunda información sobre o estado de execución das partidas orzamentarias asignadas aos proxectos presentados dentro do programa de orzamentos participativos do ano 2015. Rubén Arroxo afirmou “o espíritu deste tipo de actuacións está na súa difusión para que a xente saiba que está a ter unha participación real”.

Rubén Arroxo sinalou que “o goberno municipal debe informar e acometer con transparencia a execución dos proxectos aprobados para avanzar neste tipo de iniciativas”. Dende o BNG – Asambleas Abertas considerase necesario que o concello de Lugo avance na implantación dos orzamentos participativos para que sexa a xente quen decida en que se debe gastar unha parte do orzamento municipal.

Arroxo referiuse a experiencias pioneiras como a implantada polo BNG no concello de San Sadurniño que “supuxeron un antes e un despois na xestión municipal deste concello”. Os nacionalistas dirixiron unha pregunta para saber cales son as medidas previstas para incrementar a participación da xente e así avanzar nesta iniciativa que xa fora proposta polo BNG en diversas ocasións.

Participación dos barrios e das parroquias

Arroxo apostou por “implantar un sistema no que a xente dos barrios e as parroquias poidan decidir”. O voceiro nacionalista dixo que “temos que ser máis ambiciosos e non podemos deixar o internet como única vía de implantación dos orzamentos participativos”. Arroxo explicou que “se debe fomentar a participación da xente e chegar a todas as persoas e colectivos que desexan participar en facer que Lugo funcione”.

O BNG–AA reclamará información sobre a execución das partidas dos orzamentos participativos