O BNG-Asembleas Abertas propón un circuíto de andainas populares

O BNG-Asembleas Abertas propón un circuíto de andainas populares

Para Rubén Arroxo “é unha forma de promover unha actividade física e de dar a coñecer o noso medio natural entre os veciños e veciñas”

andaina

Lugo, 19 de agosto, 2015. O BNG - Asembleas Abertas proporalle ao goberno municipal a creación dun circuíto de andainas populares no municipio de Lugo, tendo en conta o auxe que están a ter as rutas de sendeirismo e os roteiros didácticos “é unha forma de promover unha actividade física e de dar a coñecer o noso medio natural entre os veciños e veciñas” dixo Rubén Arroxo. Dende a organización nacionalista afirman que Lugo conta cun grande número de espazos verdes e de sendeiros naturais, que cómpre dar a coñecer e poden ser usados para incentivar as veciñas e veciños a uns hábitos máis saudables. Ademais en moitos destes sendeiros hai elementos patrimoniais e culturais de alto valor, que teñen que ser expostos para que sexa coñecidos pola sociedade lucense “Lugo conta cun riquísimo patrimonio no noso rural, dende castros, mámoas, vías romanas... e ese patrimonio tense que dar a coñecer”

O portavoz nacionalista apuntou que este tipo de actividades xa se dan noutros concellos, ben por iniciativa dos seus gobernos, ben por iniciativa do movemento asociativo, e na súa idea consistirían nun ciclo de andainas que poderían ser de ámbito mensual “sería usar un sistema similar ao Corre con nós, pero para camiñar. Permitindo así a realización de actividade deportiva a públicos máis amplos” apuntou o concelleiro nacionalista. Lembrando tamén que o grande éxito que tivo o Corre con nós, pode ser extrapolado a outro tipo de actividades “de entre todas e todos está a obriga de facer diversas propostas para conseguir que a xente teña unha vida menos sedentaria e máis deportiva” afirmou Arroxo.

Dende o BNG-Asembleas Abertas tamén consideran importante actuar e esixir a limpeza dos sendeiros, tal e como reclamaba o propio Rubén Arroxo hai dúas semanas, para que a xente non se atope con dificultades á hora de facer ditas rutas pola súa conta “nalgúns lugares os camiños están practicamente tapados pola maleza, e iso dificulta moito o paso”. Dende as filas nacionalistas tamén solicitaron, xa con tempo, que os camiños teñan o mantemento mínimo tamén no inverno “para que non se convertan en piscinas cando comece a chover”

O BNG-Asembleas Abertas propón un circuíto de andainas populares