Para o BNG os colexios de Lugo non poden quedar en setembro sen comedores

Para o BNG os colexios de Lugo non poden quedar en setembro sen comedores

“Imos buscar todas as alternativas posibles para esixirlle ao goberno municipal que en setembro estean en funcionamento os comedores escolares” afirmou Rubén Arroxo

 

Lugo, 8 de xullo 2016. O BNG - AA vaille esixir ao goberno municipal que non paralice o servizo de comedores no curso que vén, o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, fixo as seguintes declaracións mentres presentaba unha batería de preguntas para a vindeira comisión municipal “Imos buscar todas as alternativas posibles para esixirlle ao goberno municipal que en setembro estean en funcionamento os comedores escolares”.  Dende o grupo nacionalista informaron de que existe unha importante preocupación entre as nais e pais dos alumnos dado que a opción que está a manexar o goberno municipal é a de que os comedores os xestionen as propias ANPA´s cando menos no primeiro trimestre. Para Rubén Arroxo esta non pode ser unha opción xa que considera que sería sobrecargar ás ANPA´s cunha responsabilidade e cun traballo que non lle corresponde “entendemos que hai que apostar por un concello que dea servizos básicos ás veciñas e veciños, e as solucións non poden pasar por cargar ás nais e pais cun traballo que non lles corresponde” afirmou Arroxo.

IMG_0944

Dende o grupo municipal do BNG-AA tamén quixeron lembrar a responsabilidade da Xunta neste proceso “o que é inadmisible é  que Xunta e Concello se dediquen durante semanas a acusarse con este tema os uns aos outros, e mentres tanto o problema dos comedores segue sen solución”. En relación con isto o grupo nacionalista pediulles tanto a PP como a PSOE “que se deixen de facer precampaña para as autonómicas dende as súas respectivas institucións e se poñan a traballar dunha vez para darlle solución a isto”.

 

 

Rubén Arroxo tamén quixo lembrar que tanto na comparecencia do concelleiro delegado de educación, como o día que chegou esta cuestión por vez primeira ao pleno, o BNG esixiu que se solucionasen as irregularidades recoñecidas na forma de contratación, pero que non ían permitir que esa solución pasase por suspender o servizo. O nacionalista tamén expuxo que en Compostela se deu unha problemática semellante e o que se fixo foi primeiramente executar unha licitación de forma exclusiva do servizo de catering, algo para o que aínda habería tempo para facer en Lugo.

Para o BNG os colexios de Lugo non poden quedar en setembro sen comedores