O BNG CRITICA QUE NON SE ATENDESEN AS SÚAS PROPOSTAS EN RELACIÓN Á CELEBRACIÓN DO 25 N

O BNG CRITICA QUE NON SE ATENDESEN AS SÚAS PROPOSTAS EN RELACIÓN Á CELEBRACIÓN DO 25 N

fotos 283_RCristina Ferreiro dixo que “agardamos que o bon entendemento entre PP e PSOE se materialice en dotar a Lugo das axudas precisas para levar a cabo plans de promoción da igualdade de xénero” 

Lugo, 13 de novembro 2014. A edil do BNG, Cristina Ferreiro levará á comisión de benestar unha serie de preguntas para saber se o concello de Lugo vai participar no programa de sensibilización e promoción da igualdade de xénero anunciado pola Xunta de Galiza. Os nacionalistas demandaron información para saber se o goberno municipal solicitou algunha axuda a través das liñas previstas para os concellos e cales son as actuacións previstas para contribuir á sensibilización e concienciación en materia de igualdade.

Cristina Ferreiro lembrou que a mediados do mes de outubro, dende a Xunta de Galiza, anunciouse un investimento de máis 500.000 euros para a provincia de Lugo destinados á promoción da igualdade de xénero. Dentro das diferentes liñas de axudas deste plan da Xunta aparecían reflexadas varias liñas destinadas a concellos. O BNG tamén quere coñecer cal é o importe total que o concello de Lugo recibiu destinado á promoción da igualdade de xénero, en concepto de axudas, por parte da Xunta de Galiza nos últimos anos.

A edil nacionalista pediu que en Lugo se poñan en marcha iniciativas para a sensibilización e concienciación en materia de igualdade e dixo que “agardamos que o bon entendemento entre PP e PSOE se materialice en dotar a Lugo das axudas precisas para levar a cabo plans de promoción da igualdade de xénero”. Ferreiro criticou tamén o feito de que os gobernos da xunta e do estado están recortando os fondos destinados á promoción da igualdade e sinalou que “esperamos que este anuncio da Xunta non se quede,  unicamente, en propaganda inutil”.

Crítica polos actos do 25N

Cristina Ferreiro lamentou que o goberno municipal ignorase as propostas do BNG feitas na pasada xuntanza do foro de igualdade. O BNG propuxo a colocación dunha pancarta contra a violencia de xénero no balcón do concello durante todo o mes de novembro para que “todos e todas as lucenses teñamos presente que este problema existe e cada día súfreno miles de mulleres”. Para o BNG o posicionamento do concello de Lugo, a respecto da violencia de xénero, debe quedar claramente definida. “non vale con colocar unha mesiña que poucas persoas ven unhas horas diante do concello” dixo Cristina Ferreiro “nin consiste unicamente en facer que os cargos públicos fagan acto de presencia en actos protocolarios de celebración do 25 de novembro” engadiu. Para os nacionalistas as políticas en materia de igualdade deben ser transversais e na súa aplicación deben implicarse os cargos institucionais e todos os escalafóns das distintas administracións.

O BNG CRITICA QUE NON SE ATENDESEN AS SÚAS PROPOSTAS EN RELACIÓN Á CELEBRACIÓN DO 25 N