O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL DE LUGO QUE INTERVEÑA PARA EVITAR A FOLGA NA RECOLLIDA DO LIXO

O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL DE LUGO QUE INTERVEÑA PARA EVITAR A FOLGA NA RECOLLIDA DO LIXO

Bao afirmou que o Concello ten mecanísmos para esixirlle á empresa adxudicataria “cumprir os seus compromisos salariais e laborais cos seus traballadores”

O BNG solicita que a comisión de desafiuzamentos se reuna canto antes para poñer en marcha as medidas necesarias para paliar os problemas existentes neste eido

LUGO, 11 de decembro de 2012. O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro Antón Bao, esixiulle ao alcalde de Lugo “que se sente a negociar coa empresa adxudicataria do servizo de limpeza para que esta cumpra as súas obrigas salariais e laborais cos traballadores que desenvolven as súas funcións no concello de Lugo” xa que en asuntos deste tipo, segundo Antón Bao, “non hai delegación posible”. O BNG fixou así a súa posición a respecto do anuncio, feito polos traballadores de Urbaser, dunha folga de recollida do lixo a partir do día 21 de decembro. Segundo Antón Bao o BNG xa era coñecedor desta problemática por que a semana pasada o cómite de empresa mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos, representados no concello, para informar da situación na que se encontraban as negociacións entre empresa e traballadores.

Bao lembrou, como xa fixera onte, que o goberno municipal debe de facer un seguimento do cumprimento das obrigas cos traballadores por parte da empresas que teñen contrato co concello. O voceiro nacionalista dixo que estes incumprementos empezan a estenderse “e as empresas que se amparan naquela nefasta reforma laboral” para facer menoscabo dos dereitos dos seus traballadores. Bao dixo que “o concello ten ferramentas e recursos para obrigar as empresas a cumprir as súas obrigas cos traballadores”. Bao insistiu en que hai outras empresas que tamén están a incumprir as súas obrigas cos traballadores.

Bao indicou que en todos os contratos que fai o concello coas as empresas se establecen unha serie de clausulas nas que se especifican obrigas de tipo social e laboral. Para o BNG “o concello ten que esixirlles ás empresas o cumprimento desas clausulas”. O concello pode, en calquera momento, pedirlle as empresas documentación para comprobar o cumprimento desas obrigas dacordo cos contratos e coas clausulas de licitación. O BNG di, por boca do seu voceiro, que “o concello debe de actuar e no caso de que non se chegue a unha solución o concello deberá de pedirlle á empresa adxudicataria responsabilidades na execución dese contrato”.

Xuntanza da comisión de desafiuzamentos

Antón Bao lembrou que no pleno, celebrado onte, sobre o estado do concello de Lugo o BNG fixo unha serie de propostas dirixidas a solucionar todos os problemas que están a xurdir en materia de emerxencia social. Segundo Antón Bao “son cada vez máis as persoas que se achegan ao concello con problemas para subsistir” e sinalou que “a maior parte dos problemas están relacionados coa vivenda”. O 77% das solicitudes de emerxencia social recibidas no concello están relacionadas co pagamento do aluguer ou co pago de recibos como a auga ou a luz. O concello non pode quedar pasivo e ten que dar continuidade ao incremento dos recursos que se destinan á partida de emerxencia social. O BNG solicita que a comisión de desafiuzamentos se reuna de inmediato para poñer en marcha as medidas que se acordaron na primeira xuntanza. Bao aclarou que unha das medidas “é a de ampliar a partida destinada a sufragar gastos de vivendas de aluguer para poder paliar os casos de xente que se queda fora da súa casa ao non poder facer fronte ao pago da hipoteca”.