O BNG lémbralle a PP e PSOE que nos orzamentos hai 250.000 € para facer a zona pública de baño

O BNG lémbralle a PP e PSOE que nos orzamentos hai 250.000 € para facer a zona pública de baño

IMG_7193“Alegrámonos da volta de Isabel Devesa, despois das súas ausencias durante o curso escolar, pero perdeu información do que sucedeu nestes meses” dixo Rubén Arroxo

Arroxo lembrou que “incluír unha partida para a praia fluvial foi unha das propostas do BNG para os orzamentos”

Lugo, 2 de xuño 2016. O voceiro de BNG – Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, lembroulle ao goberno municipal e á edil do PP, Isabel Devesa, que os orzamentos municipais para este ano 2016 recollen unha partida de 250.000 € para a creación dunha zona pública de baño. “Alegrámonos da volta de Isabel Devesa, despois das súas ausencias durante o curso escolar, pero perdeu información do que sucedeu nestes meses” dixo Rubén Arroxo que tamén sinalou “entendemos que Jaime Castiñeira recurrise de novo á edil Devesa para falar en nome do PP despois que un conselleiro da Xunta o desautorizase publicamente”. O BNG – Asembleas Abertas mantén a súa proposta de ubicación para a zona pública de baño na zona de As Saamasas.

Arroxo lembrou que esta obra xa fora comprometida no ano 2011 “pero o PSOE, nin no concello, nin na Deputación, fixo nada para levar a cabo esta actuación tan necesaria para Lugo” e “este verán Lugo seguirá sen unha zona de baño na que os lucenses nos poidamos achegar ao noso río con certa seguridade”. Arroxo explicou que, no seu momento, a Deputación non entregou os informes requeridos pola Confederación Hidrográfica e “agora vemos que si se permite facer unha actuación salvaxe como a da Fábrica da Luz pero non se executou a zona de baño”.

Ademais, explicou Arroxo, no Anexo Financiamento do cápitulo VI dos orzamentos municipais inclúese unha partida para a implantación da zona de baño pública e especifícase que os fondos serán aportados pola Deputación de Lugo. “Entendemos que se no documento dos orzamentos aparece esta cantidade é por que está dispoñible e alcaldesa tivo un importante cargo na Deputación polo tanto terá as garantías suficientes para poder facer este investimento” dixo Arroxo.

Proposta para este ano

O voceiro do BNG-AA dixo que “unha posibilidade para que Lugo teñan este ano zonas de baño no río sería adecentar os caneiros e instalar estruturas de madeira tratada que non causen impacto sobre o río e que faciliten o acceso á auga dos bañistas coa debida seguridade”. Para o BNG – AA esta non é a solución definitiva “pero pode ser unha solución transitoria para este ano por que se non nunca vai haber zona pública de baño en Lugo, por que nin PP nin PSOE teñen interés en que se faga”.

O BNG lémbralle a PP e PSOE que nos orzamentos hai 250.000 € para facer a zona pública de baño