O BNG leva ao debate dos orzamentos do estado os carrís de incorporación da N-VI

O BNG leva ao debate dos orzamentos do estado os carrís de incorporación da N-VI

Para Rubén Arroxo “estamos a falar de que o tramo con máis tráfico da provincia carece dos mínimos de seguridade vial”

IMG_7840

Lugo, 20 de agosto, 2015. O BNG - Asembleas Abertas traslada ás deputadas no Congreso en Madrid a petición de que se introduza nos orzamentos do estado a execución de carrís de incorporación no tramo da N-VI que vai dende a avenida das Américas ata o cruce de Garabolos. Para Rubén Arroxo “estamos a falar de que o tramo con máis tráfico da provincia carece dos mínimos de seguridade vial” dado que existen unha decena de accesos a dita estrada que son incorporacións directas sen ningún espazo de aceleración ou desaceleración. En palabras do portavoz nacionalista “non ten xeito que a día de hoxe e habendo espazo para executalo sigamos tendo unha circunvalación cunha inseguridade tan alta”. Dende o BNG-Asembleas Abertas lembran que nese tramo xa tiveron lugar varios accidentes, polo que é unha cuestión irrenunciable.

Dende o grupo nacionalista lembran tamén que xa foron varias as ocasións nas que se fixo está reclamación, a última no pasado mes de marzo cando se fixo unha campaña reivindicativa con esta cuestión, onde foron sinalando con letreiros nalgúns dos puntos onde se precisaba de carrís de incorporación “malia as nosas diversas denuncias do estado deste tramo, nada se ten feito, e semella que nin tan sequera preocupa” sinalou o voceiro nacionalista. Rubén Arroxo tamén sinalou “corre máis presa darlle solución a estas cuestións, que son de pouco custe, de uso diario e que se poden facer en relativamente pouco tempo, que macroproxectos que non se sabe nin cando rematarán”.

O BNG-Asembleas Abertas sinalou tamén que están a enviar unha serie de propostas dende os concellos ás representantes nacionalistas no parlamento español co fin de que os orzamentos xerais do estado teñan en conta a Galiza e neste caso concreto a Lugo “xa é habitual que se esquezan de nós cada ano, mais dende o BNG non imos deixar de denuncialo e de reivindicar os compromisos do goberno central  con Lugo” afirmou o concelleiro nacionalista.