O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA QUE SE CONSTRUA UN NOVO CENTRO DE SAÚDE NO SGDO. CORAZÓN

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA QUE SE CONSTRUA UN NOVO CENTRO DE SAÚDE NO SGDO. CORAZÓN

A actual ubicación foi considerada como “provisional” fai 23 anos

 “Agora é o momento de executar sen máis dilacións esta obra xa que non existen atrancos de tipo urbanístico e os terreos están reservados para este fin” dixo Antón Bao

Lugo, 20 de agosto de 2013. O voceiro do BNG no concello Lugo, Antón Bao, anunciou que o grupo que representa levará ao vindeiro pleno do Concello de Lugo unha proposición para solicitar que o Pleno Municipal do Concello de Lugo inste á Xunta de Galiza a incluír nos orzamentos do 2014 a partida orzamentaria necesaria para iniciar a construción dun novo Centro de Saúde no barrio do Sagrado Corazón. Este centro de saúde foi posto en marcha no 1990 nun local que, naquel momento, foi cualificado como provisional ata a construción dun novo edificio. A actual ubicación do centro de saúde acumula e empeora os problemas de espazo, de accesibilidade e de insalubridades existentes dende un inicio.

Un dos maiores problemas deste centro de saúde é, segundo manifestaron traballadores e usuarios, o grande número de barreiras arquitectónicas existentes, tanto para o acceso ao propio centro como para a circulación polo interior do mesmo. Tamén son moitos os problemas de salubridade que afectan ao edificio con malos olores procedentes das redes de saneamento e atascos nos sumidoiros que provocan, periodicamente, inundacións de augas fecais no interior do local.

Antón Bao sinalou que “vintetrés anos despois da súa posta en funcionamento nun local provisional o Centro de Saúde do Sagrado Corazón segue sendo provisional” e para o BNG este local incumpre todos os parámetros de promoción e prevención de saúde. Bao lembrou que “dar solución a este asunto” era un dos puntos do acordo de goberno que BNG e PSOE asinaran para este mandato no concello de Lugo. Segundo Antón Bao “o BNG, agora dende fora do goberno municipal, pulará por que a construción deste centro de saúde se faga efectiva”.

Para o BNG a construción deste centro de saúde “é unha débeda en materia sanitaria da Xunta de Galiza co barrio do Sagrado Corazón e co concello de Lugo”. Antón Bao dixo que “agora é o momento de executar sen máis dilacións esta obra xa que non existen atrancos de tipo urbanístico e os terreos están reservados para este fin”. Por todo esto o BNG solicita que o goberno da Xunta inclúa nos orzamentos do ano 2014 as partidas orzamentarias precisas para executar este investimento.

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA QUE SE CONSTRUA UN NOVO CENTRO DE SAÚDE NO SGDO. CORAZÓN