O BNG DE LUGO PRESENTA ALEGACIÓNS Á ORDENANZA MUNICIPAL DE CIRCULACIÓN

O BNG DE LUGO PRESENTA ALEGACIÓNS Á ORDENANZA MUNICIPAL DE CIRCULACIÓN

A utilización de  aceras ou o aproveitamento do carril –bus para o transito de ciclistas é posibel segundo o BNG

O responsabel local do BNG de Lugo Alexandre Penas dixo  que “a ordenanza ten que defender a peóns e aos ciclistas”

LUGO, 11 de xaneiro de 2013. O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no concello de Lugo presentou alegacións ao proxecto de Ordenanza Municipal de Circulación. Esta mañá o voceiro municipal do BNG, Antón Bao, acompañado do responsabel local, Alex Penas, e da concelleira Paz Abraira presentaron estas alegacións que “pretenden mellorar un documento necesario para Lugo”. En relación aos aspectos relacionados coa normativa que regulará o uso da bicicleta no concello de Lugo, o responsabel local do BNG dixo que “a norma ten que contribuír a que a maior parte da cidade se converta nun espazo seguro para as persoas usuarias da  bicicleta”.

Ademais das alegacións presentadas á Ordenanza Municipal de Circulación, Alexandre Penas aproveitou para solicitar do concello medidas favorezan o uso da bicicleta e que fomenten a convivencia do tráfico rodado motorizado con ciclistas limitando a 30 km/h a velocidade dos vehículos motorizados en rúas da cidade. Dende o BNG tamén se propón estudar a creación de carrís bici bidireccionais para facilitar o tránsito dos usuarios de bicicleta en determinadas rúas que polo seu ordenamento do tráfico obriguen aos ciclistas a facer longos percorridos debido a unidireccionalidade destas rúas.

Un dos obxectivos fundamentais da ordenanza municipal de circulación debe ser o de regular a circulación de ciclos e bicicletas na zona urbana. Esta ordenación non está prevista pola ordenanza xeral de circulación e por eso son os concellos os que deben de regulala e adaptala ás circunstancias propias de cada municipio. Por esto o BNG centrou, segundo Alexandre Penas, boa parte das súas alegacións nos aspectos relativos á utilización da bicicleta. Ademais, lembraron os representantes do BNG, que é un vehículo que está a incrementar o número de usuarios debido, en parte, ao incremento do prezo dos combustibles.

Uso de zonas peonís, zonas de tráfico restrinxido e beirarrúas

Antón Bao sinalou que dende o BNG presentáronse un total de 12 alegacións que “teñen como obxectivo fundamental favorecer o emprego da bicicleta”. Segundo informou o voceiro nacionalista no concello de Lugo o BNG pretende que a ordenanza contemple máis zonas habilitadas para o uso da bicicleta,  incluidas as zonas peonís da cidade, e ampliar o abano dos espazos que poden ser zonas para o tránsito de bicicletas. Noutra das alegacións o BNG solicita que non se sancione aos menores de sete anos que, acompañados dun adulto, vaian pola acera con bicicletas ou triciclos.

Unhas das propostas do BNG é que se poidan adecuar, mediante a sinalizacións axeitada, determinadas beirarúas para o transito de bicicletas. Un exemplo, segundo Bao, serían algúns tramos da beirarrúa interior da ronda da Muralla que poderían acoller o tráfico das bicicletas e facilitaría que os ciclistas tivesen rutas alternativas para evitar percorridos escesivos. Un exemplo disto sería o acceso dende a avenida da Coruña ao edificio administrativo da Xunta. Bao tamén citou a posibilidade de que o carril-bus da rúa Montevideo se puidese utilizar como carril-bici de doble sentido.

Utilización de remolques para nenos e nenas

Tal e como está redactada a ordenanza  non estaría autorizada a utilización destes remolques, habituais e autorizados en moitos países de Europa, para o transporte de persoas nin a súa utilización en horas nocturnas. A través dunha das alegacións o BNG propón que se autorice, coas debidas condicións, o uso dos mesmos dado que nun amplo período do ano o horario nocturno comenza ás seis da tarde. Bao explicou que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) elaborou unha ordenanza municipal tipo reguladora do tráfico, de forma que cada Concello pode adoptala tal cal está redactada ou ben modificala e adaptala ás súas circunstancias para permitir o uso destes aparellos en circulación urbana.

Aparcamento de bicicletas e monociclos

Ademais de reivindicar a instalación, por parte do concello, da instalación de aparcadoiros para bicicletas, Antón Bao dixo que o BNG pide que se retire a prohibición de atar ou encadear as bicicletas a elementos da vía sempre e cando non se dane o mobiliario urbano nin as árbores. Bao explicou, tamén, que a actual redacción da ordenanza faría ilegal o uso de monociclos e o BNG introduce unha alegación para que estes aparatos poidan ser utilizados. Tamén se solicita, nas alegacións, a retirada das sancións previstas no caso de aparcamento de bicicletas atadas a elementos da vía.

Itinerarios Escolares

Dentro das alegacións o BNG inclué a creación dun apartado para a regulación dos chamados Itinerarios Escolares. Unha proposta levada a pleno polo BNG o 29 de xuño de 2009 e aprobada por tódalas forzas políticas que xa está a funcionar noutras cidades como é o caso de Pontevedra. Estes itinerarios tería un ou varios trazados asignados a cada centro educativo e poríase en marcha en colaboración cos propios centros e as familias. A creación destes itinerarios suporía a colocación e sinalización pertinente do camiño a seguir así como dos puntos de encontro dos nenos/as e familiares para realizar xuntos/as o itinerario diario ao centro dun xeito máis seguro

Prazo de alegacións

O BNG presenta estas alegacións ao documento que fora aprobado no Pleno do Concello de Lugo, en sesión ordinaria celebrada o día cinco de novembro de dous mil doce. Tras producirse un erro na publicación do mesmo, no BOP do 17 de decembro, iniciouse o prazo de alegacións e suxestión tras a publicación de subsanación do erro o pasado o pasado 31 de decembro. Por todo esto o prazo para presentar as reclamacións rematará o vindeiro día 31 de xaneiro.

 

 

ALEGACIÓNS DO BNG Á ORDENANZA MUNICIPAL DE TRÁFICO  DO CONCELLO DE LUGO

Alegación nº 1

Referente a unha cuestión de forma.

No Anexo I – Cadro de Infraccións: Debe facerse unha revisión do cadro xa que aparecen varios erros ao relacionar as sancións cos artigos aos que se refiren. Como exemplo, na última páxina do cadro figuran sancións relacionadas co artigo 40 cando en realidade fan referencia ao 39.

 

Alegación nº 2

Referente ao artigo 39: Normas especiais de estacionamento para vehículos de dúas rodas.

No apartdo C) do artigo 39, Onde dí “Queda prohibido o estacionamento de forma que estes vehículos queden encadeados ou atados a calquera elemento da vía non destinado a tal fin, ou causen molestias ás demais persoas usuarias da vía.” Substituirase por “Queda prohibido o estacionamento de motocicletas e vehículos de dúas rodas con motor de forma que queden encadeados ou atados a calquera elemento da vía non destinado a tal fin. No caso das bicicletas aconséllase non atalas ás árbores ou ao mobiliario urbano, especialmente cando poda molestar á dinámica urbana ou danar a natureza”.

 

Alegación nº 3

Referente ao artigo 48: Peóns.

No apartado 2. onde di “Todo peón debe circular pola beirarrúa da dereita con relación ao sentido da súa marcha, e cando circule pola beirarrúa ou paseo esquerdo debe ceder sempre o paso aos que leven a súa man e non debe deterse de forma que impida o paso pola beirarrúa aos demais” substituirase por “Todo peón procurará circular pola beirarrúa da dereita con relación ao sentido da súa marcha, e cando circule pola beirarrúa ou paseo esquerdo debe ceder o paso aos que leven a súa man e evitará deterse de forma que impida o paso pola beirarrúa aos demais”.

 

Alegación nº 4

Referente ao artigo 48: Peóns.

Crearase un novo apartado co título “Itinerarios Escolares” no que se incluirá o seguinte texto “Os grupos formados por escolares e os seus acompañantes que transiten por algún dos itinerarios escolares definidos polo concello, seguirán a sinalización do devandito itinerario atendendo ás indicacións das persoas responsables do grupo, así mesmo, os escolares e os seus acompañantes, reuniranse nos puntos establecidos como punto de encontro para realizar xuntos o itinerario diario ao centro educativo”.

 

Alegación nº 5

Referente ao artigo 52: Normas especiais para o uso de bicicletas.

No punto a) do apartado 4 deste artigo 52 do borrador da ordenanza onde di “Que a circulación sexa de día e en condicións que non diminúa a visibilidade” substituirase por “Que a circulación sexa con condicións de visibilidade axeitadas, no caso de circular de noite será en vías suficientemente iluminadas e tanto o vehículo tractor como o remolque ou semiremolque contarán cos dispositivos de iluminación e reflectantes axeitados”.

 

 

Alegación nº 6

Referente ao artigo 52: Normas especiais para o uso de bicicletas.

No punto c) do apartado 4 deste artigo 52 do borrador da ordenanza, e facendo alusión á utilización de remolques ou semiremolques, onde di “Que en ningún caso transporten persoas no vehículo remolcado” atendendo ao texto proposto pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) substituírase por “As bicicletas poderán transportar, cando o condutor sexa maior de idade e baixo a súa responsabilidade, menores de ata sete anos en asentos adicionais ou remolques, axustados ás bicicletas, debidamente certificados e homologados, coas limitacións de peso que estes dispositivos estipulen. Os menores terán que levar casco homologado obrigatoriamente”.

 

Alegación nº 7

No artigo 52 engadirase un novo punto co seguinte texto “Os ciclos e bicicletas poderán circular polas beirarrúas sempre que vaian guiadas por menores de sete anos e acompañados dalgunha persoa maior de idade”.

 

Alegación nº 8

Referente ao artigo 54: Espazos especiais para a circulación de bicicletas.

Este artigo “Espazos especiais para a circulación de bicicletas” pasará a denominarse “Espazos para a circulación de bicicletas”.

 

Alegación nº 9

Referente ao artigo 54: Espazos especiais para a circulación de bicicletas.

No artigo 54 no punto 2. onde di “Os espazos de uso compartido por bicicletas e peóns, ademais dos parques e prazas de uso público, serán aqueles que estean debidamente sinalizados” substituirase por “Os espazos de uso compartido por bicicletas e peóns, ademais dos parques, zonas peonís e prazas de uso público, serán aqueles que estean debidamente sinalizados. Excepcionalmente, e cando así se indique mediante a sinalización específica, estará permitida a circulación de bicicletas pola calzada en sentido contrario ou pola beirarrúa”.

 

Alegación nº 10

Referente ao artigo 55: Prohibicións.

No apartado a) “Circular co vehículo apoiado nunha soa roda” engadirase “agás os monociclos que serán asimilados aos aparatos de mobilidade persoal incluídos no punto 1 do artigo 56”.

 

Alegación nº 11

Referente ao Anexo I: Cadro codificado de infraccións.

Inclúese na OMC unha sanción de 80 € co texto “Estacionar un vehículo de dúas rodas deixándoo encadeado ou atado a calquera elemento da vía non destinado a tal fin” este texto substituirase por “Estacionar unha motocicleta ou vehículo de dúas rodas con motor deixándoo encadeado ou atado a calquera elemento da vía non destinado a tal fin”.

 

Alegación nº 12

Referente ao artigo 69: Idioma dos sinais

O texto “As indicacións escritas nos sinais expresaranse, polo menos, no idioma español, oficial en todo o territorio do Estado, podendo realizarse conxuntamente no idioma galego, oficial na Comunidade Autónoma de Galicia.” substituirase por “As indicacións escritas nos sinais expresaranse en galego atendendo ao capítulo VIII da ordenanza municipal do uso galego do concello de Lugo”.

O BNG DE LUGO PRESENTA ALEGACIÓNS Á ORDENANZA MUNICIPAL DE CIRCULACIÓN