“O BNG non vai permitir privatizacións das beiras do río”

“O BNG non vai permitir privatizacións das beiras do río”

IMG_7193Arroxo informou que no padroado da Fundación Feiras e Exposicións tratarase a entrada dunha sociedade privada como membro do padroado da Fundación

“A lei marca que as beiras do río son espazos públicos e traballaremos para abrir ao paso da xente zonas que hoxe teñen pechadas propietarios privados” dixo Arroxo

Lugo, 27 de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou que mañá se tratará na xuntanza do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo a petición de entrada dunha entidade privada no Padroado da Fundación. Arroxo advertiu que “o BNG non vai permitir privatizacións das beiras do río” e sinalou que “entendemos que os espazos públicos, que se fixeron e se manteñen con cartos públicos, deben estar gobernados por representantes de institucións e entidades democraticamente elixidos”.

Arroxo lembrou que “a lei marca que as beiras do río son espazos públicos e traballaremos para abrir ao paso da xente zonas que hoxe teñen pechadas propietarios privados”. Para o BNG-AA “non é normal que neste concello existan zonas do río Miño nas que se incumpre a lei que obriga a manter pasos ao carón da auga, e este incumprimento estáselle a permitir tanto propietarios privados individuais como sociedades”.

“Manterémonos vixiantes, e en caso de que se intente avanzar na privatización de espazos públicos o BNG tomará as medidas pertinentes como organización política e traballaremos con aquelas plataformas sociais autorganizadas para defender o noso río” sinalou Arroxo. O BNG defenderá esta posición dentro do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, naquelas institucións nas que ten representación e trasladará os seus posicionamentos publicamente para evitar “danos maiores ao río Miño no seu paso polo concello de Lugo”.

“O BNG non vai permitir privatizacións das beiras do río”