O BNG ORGANIZOU, EN LUGO, UN ACTO PARTICIPATIVO DIRIXIDO A AUTÓNOMOS E PEQUENAS EMPRESAS

O BNG ORGANIZOU, EN LUGO, UN ACTO PARTICIPATIVO DIRIXIDO A AUTÓNOMOS E PEQUENAS EMPRESAS

IMG_2633Tras a retirada do guindastre denunciado polo BNG agora, os nacionalistas, solicitan a retirada do valado de obra pola ocupación que supón da vía pública

Os nacionalistas trasladan a comisión de urbanismo unha batería de preguntas sobre o resultado da xuntanza da comisión de seguimento do Plan Paradai

Lugo, a 18 de febreiro de 2014. O BNG de Lugo organizou un acto público dirixido a traballadores autónomos e pequenas empresas co ánimo de informar sobre as novas cargas tributarias e as dificultades deste colectivo. O BNG presentou, a través do parlamentario Cosme Pombo, as súas alternativas e propostas ademais de contar coa intervención de técnicos en materia fiscal e laboral e autónomos que comentaron a súa experiencia.

Cosme Pombo explicou que o BNG presentou distintas iniciativas no congreso dos deputados sobre aquelas medidas que o PP está a impoñer en contra dos traballadores autónomos. Incremento nas cargas impositivas, dificultades para cobrar o paro, problemas para acceder a créditos, atrancos á hora de presentar as declaracións a facenda e peche de oficinas da seguridade social son algunhas das medidas impostos polo PP que afectan a autónomos e pequenas empresas.

Pombo explicou que unha das iniciativas do BNG foi presentada no congreso para demandar que a banca privada e o ICO faciliten crédito aos pequenos empresarios e aos autónomos. Dende o BNG sinalouse que “para iso o estado se endebedou, para salvar ao sector bancario, entón o sector bancario debería salvar ao resto dos sectores empresariais neste momento”.

Outra iniciativa dos nacionalistas foi motivada polas dificultades que teñen para cobrar o paro á hora de xustificar por que se produce o peche do negocio. Estanse a poñer numerosas trabas ás persoas que cotizaron para ser beneficiarios desta prestación por desemprego e que, no momento de solicitala, non a poden percibir.

O BNG tamén instou ao goberno a que non peche oficinas da Seguridade Social en Galiza. O goberno de Madrid ten previsto pechar entre 15 e 20 das oficinas da SS, moitas delas situadas nas cabeceiras de comarca.

IMG_2641

Outra das demandas do BNG ante o goberno de Madrid atinxe á recente obriga de ter que facer as declaracións á facenda a través de medios telemáticos “non se poden poñer continuos atrancos aos autónomos e decir que se apoia á empresa e aos emprendedores” sinalaron os nacionalistas.

O incremento das cargas impositivas a autónomos vai a implicar que moitos deles non contraten a máis traballadores para evitar sobrepasar o límite establecido, ou ben, despidan a algún dos seus actuais empregados para evitar esta subida na cotización. Todas as persoas afiliadas á seguridade social no réxime de autónomos sufrirán unha subida nas súas cotizacións.

Campaña do BNG

Baixo o lema o PP afoga as persoas autónomas o BNG está a levar a cabo unha campaña de información sobre as novas medidas tributarias que o Goberno do Estado vai impoñer. Estas medidas, que provocarán o incremento das cargas tributarias sobre as persoas autónomas e as pequenas empresas, foron aprobadas durante as vacacións do nadal e sen negociación previa. Entre as medidas destaca o incremento da cotización mínima para persoas autónomas que implica un incremento de máis de 60€ anuais. Tamén se incrementará a cotización para persoas autónomas que teñan contratadas 10 ou máis persoas traballadoras, cun valor duns 60€ ao mes.

Segundo Cosme Pombo esta situación terá unhas consecuencias moi negativas para a economía galega e suporá que as persoas autónomas e pequenas empresas terán menos liquidez ademais de desincentivar a contratación, o que provocará un aumento do desemprego. Estas medidas aplicadas polo PP non resolve os problemas asociados ao déficit da Seguridade Social mentres que “afoga aos traballadores e ás pequenas empresas neste momento de crise económica”.

O BNG está a presentar iniciativas en todas as institucións para solicitar a retirada deste Real decreto, aprobado sen consenso de ningún tipo e que só agravará a situación económica das persoas autónomas. Ademais os gobernos, da Xunta e do Estado, deben de artellar medidas para o impulso e potenciación dos nosos sectores productivos acompañadosde políticas activas de emprego, como mellor mecanismo de reactivación económica como garante tamén da viabilidade da Seguridade Social. Para unha maior xustiza social debe de aplicarse uha reforma fiscal progresiva, en que sexan precisamente as grandes fortunas e grandes empresas as que máis tributen, e non, máis unha vez máis, a maioría da poboación e as persoas autónomas e pequenas empresas.

A medida aprobada polo goberno do PP no estado implica un considerábel incremento das cotizacións mínimas para as persoas autónomas que contan con 10 ou máis persoas empregadas no último ano (así como as persoas traballadoras autónomas incluídas neste réxime especial ao amparo do que estabelece a disposición adicional vixésimo sétima do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social), que representa unha suba do 22%, case 60 euros ao mes. Por outra banda, tamén se produce un incremento da base mínima para persoas autónomas, que é a cotización maioritaria en Galiza, que provocará un incremento de máis de 60 euros ao ano para as mesmas. Estas medidas aplícanse sen ningún tipo de diálogo co sector, como critican as principais asociacións de persoas autónomas galegas e do Estado.

O BNG ORGANIZOU, EN LUGO, UN ACTO PARTICIPATIVO DIRIXIDO A AUTÓNOMOS E PEQUENAS EMPRESAS