O BNG PIDE, NO PARLAMENTO GALEGO, A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DO ENCAUZAMENTO DO RÍO EN SARRIA

O BNG PIDE, NO PARLAMENTO GALEGO, A PARALIZACIÓN DAS OBRAS DO ENCAUZAMENTO DO RÍO EN SARRIA

Cosme-AnaTanto Cosme Pombo como Ana Pontón manifestaron o total apoio do BNG ás mobilizacións veciñais destes últimos días

Os nacionalistas presentaron unha serie de iniciativas nas que cuestionan a actuación da Xunta e da Confederación Hidrográfica neste asunto

Sarria, 25 de febreiro de 2014. O Grupo Parlamentario do BNG, recollendo o chamamento feito pola Plataforma Sarriana polo Río ás organizacións políticas, presentou unha serie de iniciativas pedindo a paralización das obras previstas na actuación denominada Adecuación da canle e ordenación dos ríos Sarria e Celeiro (1ª fase). Unhas obras que terán un valor de 6,7 millóns de euros dos cales o 80% proveñen de Fondos FEDER e o 20% financiado a través de Augas de Galiza. A través das redes sociais, esta plataforma veciñal, reclamou a implicación das forzas políticas no conflicto. O BNG deu resposta inmediata presentando iniciativas no Parlamento Galego e dará apoio as mobilizacións convocadas pola plataforma.

A demais de soliciar a paralización inmediata das obras os nacionalistas preguntáronlle ao Goberno Galego pola valoración que ten a Xunta de Galiza sobre o impacto ambiental que terá este proxecto sobre os ríos Sarria e Celeiro. Nas cuestións presentadas polo BNG tamén se lle pregunta á Xunta se ten inspeccionado estas obras para verificar si se cumpren as determinacións establecidas pola Secretaría de Estado de Cambio Climático. Tamén, o BNG, dirixiu unha pregunta dirixida ao Goberno Galego para coñecer as razóns que levan a que a Xunta de Galiza financie cun 20% estas obras.

Tanto Cosme Pombo como Ana Pontón manifestaron o total apoio do BNG ás mobilizacións veciñais destes últimos días e coincidiro en que “son os veciños e veciñas quen actúan con responsabilidade fronte a administración pública que desatende as propias normas de protección do medio natural e conservación dos ecosistemas”.

Ana Pontón, parlamentaria do BNG, sinalou que “a xustificación oficial desta obra é evitar as enchentas de auga mais estamos ante unha obra que non vai solucionar os problemas das  inundacións” e engadiu que “esta actuación vai causar un grave dano ao medio ambiente e ao bosque de ribeira do río Sarria”. Dende o BNG explicaron que unha parte importante dos fondos van ir destinados a reformas no tramo urbano quedando, sen solución, os tramos nos que se precisa actuar para evitar con efectividade as inundacións.

Para o BNG, en vista da oposición e rexeitamento da veciñanza deste concello, estas obras deberan ser paralizadas e reconsiderar o proxecto. “Compre a reconsideración do proxecto de xeito que se elabore un novo plan, con participación real do conxunto a veciñanza, e no que se conxugue a diminución dos riscos de enchente, co respecto ao patrimonio histórico-artístico, etnográfico, cultural, ambiental e paisaxístico de Sarria” Dixo Ana Pontón.

Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade