O BNG PÍDELLE Á XUNTA QUE ESTUDE OS RESTOS ARQUEOLÓXICOS DA UI-7 ANTES DE AUTORIZAR EDIFICACIÓNS

O BNG PÍDELLE Á XUNTA QUE ESTUDE OS RESTOS ARQUEOLÓXICOS DA UI-7 ANTES DE AUTORIZAR EDIFICACIÓNS

Para o BNG este documento sometido a consulta pública supedita os achádegos arqueolóxicos que poidan aparecer posteriormente ás propias edificacións que xa se deseñan

Tratase dunha importante zona pegada á muralla onde se planifica “unha segunda muralla de edificios completamente uniforme”

 Lugo, 28 de xullo 2014.fotos 114 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas somete a consulta pública o novo documento de inicio do PERI, que afecta aos terreos pegados á parte traseira do Colexio Médico de Lugo onde, nun gran parte dos mesmos, ubícase un aparcadoiro ao aire libre, pegados á muralla romana. A voceira do BNG no Concello de Lugo rexistrou unha serie de observacións e suxestións a este documento ao valorar que non se trata en absoluto dunha proposta adecuada para unha zona de tanto interese turístico e arqueolóxico.

 Este documento carece, en opinión do BNG, da mesma información básica co documento anterior, pois segue sen analizar os efectos ambientais que terían as construcións propostas nin o efecto real sobre o patrimonio construído, entre o que cabe destacar a muralla romana declarada patrimonio da humanidade.

 A concelleira nacionalista afirmou que “supedita os achádegos arqueolóxicos que poden aparecer posteriormente ás propias edificacións que xa se deseñan, e esas edificacións teñen unha serie de problemas, entre outros, que van crear unha muralla paralela á xa existente, impedindo que podamos contemplar o que é unha boa parte da cidade”. Para o Bloque Nacionalista Galego o documento exposto propón unhas edificacións completamente uniformes, polo que se perdería esa visión de edificios variados con distintas alturas e distintas tipoloxías que temos na actualidade e creará “un muro que en absoluto vai favorecer o desenvolvemento desta zona”

 “Para o BNG – dixo Paz Abraira -  o prioritario é rematar as análises arqueolóxicas e establecer, en funcións deses achádegos, un novo deseño urbanístico e edificar en función do que alí se atope, para poñer en valor tanto a muralla como eses achádegos arquolóxicos”.

 Nas observacións e suxestións presentadas o BNG resalta que no novo documento non se fala do futuro impacto visual desde a muralla. Ao observar os perfís das edificacións propostas non queda claro que vaian a mellorar o contorno, fóra de tapar as traseiras. Para os nacionalistas “o problema non está en tapar as traseiras senón en mellorar claramente o seu estado seguindo un programa de rehabilitacións que poña en valor o impresionante patrimonio arquitectónico da cidade de Lugo”.

 No escrito presentado polo BNG “considerase necesario elaborar un estudo de impacto ambiental detallado e rigoroso onde se teñan en conta aspectos tan relevantes como os achados arqueolóxicos, a necesidade ou non de construír novas vivendas, a necesidade de rehabilitar todas as edificacións do casco vello, a creación de novos espazos públicos de calidade no casco histórico e incluso a demanda dun novo colexio dentro de murallas. Unha vez aclarado todo isto é cando debemos empezar a falar do PERI da UI-7 e non antes.”