O concello de Lugo integrarase no proxecto APEGO por acordo unánime de todos os grupos

O concello de Lugo integrarase no proxecto APEGO por acordo unánime de todos os grupos

Pleno26maio2016Trátase dunha iniciativa, en rede, promovida polos Servizos de Normalización Lingüística de concellos para ofertar ferramentas en galego para as familias

A iniciativa do BNG – Asembleas Abertas foi apoiada polas outras 5 forzas que forman parte da corporación municipal

Lugo, 26 de maio de 2016. O concello de Lugo entrará a formar parte do proxecto APEGO despois de que BNG – Asembleas Abertas trasladara unha proposta para acordar no pleno, a integración do concello de Lugo no proxecto APEGO. A edil Maite Ferreiro explicou que “o proxecto APEGO é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial. Deste proxecto forman parte, a día de hoxe, 34 concellos e foi impulsado dende os servizos de normalización lingüística de varios  concellos e máis da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.

O BNG – Asembleas Abertas presentou esta iniciativa dentro deste mes da letras galegas “para acometer, dende o pleno da corporación unha acción concreta e eficaz de apoio á nosa lingua”. “O principal obxectivo desta iniciativa é dispoñer de ferramentas para as familias que queren que a lingua galega forme parte da súa vida, de cara a axudar a socializar en galego os nenos e nenas entre 0 e 6 anos” dixo Maite Ferreiro.

“De cara a fomentar que as nenas e nenos teñan a capacidade e coñecemento para nun futuro seren libres de poder falar na lingua galega, o Concello de Lugo debe sumarse ao maior número de iniciativas que sexa posible a prol do noso idioma, iniciativas tales como a deste proxecto APEGO” afirmou a edil do BNG – Asembleas Abertas e engadiu que “felicitámonos pola aprobación unánime desta proposta xa que entendemos que todos os acordos relativos á promoción da lingua deben ser consensuados e non utilizados como ferramenta de liorta política”.

O concello de Lugo integrarase no proxecto APEGO por acordo unánime de todos os grupos