“Hai que trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de crear carrís de incorporación na N-VI”

“Hai que trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de crear carrís de incorporación na N-VI”

IMG_3013Rubén Arroxo e Olalla Rodil, candidata de Nós – Candidatura Galega por Lugo, visitaron o tramo entre a Av. das Américas e Garabolos

Este tramo da N-VI é a vía de circulación que náis tráfico soporta na provincia de Lugo

Lugo, 25 de novembro de 2015. O voceiro do BNG - Asembleas Abertas no concello de Lugo acompañado da candidata de Nós – Candidatura Galega, Olalla Rodil, visitaron o tramo da N – VI que vai dende a avenida das Américas ata o cruce de Garabolos. Rubén Arroxo lembrou que “estamos a falar de que o tramo con máis tráfico da provincia carece dos mínimos de seguridade vial” dado que existen unha decena de accesos a dita estrada que son incorporacións directas sen ningún espazo de aceleración ou desaceleración.

A candidata de Nós – Candidatura Galega comprometeuse a trasladar ao Congreso en Madrid esta petición que xa foi reclamada en diversas ocasións polo BNG como emenda aos orzamentos do estado. Olalla Rodil destacou a importancia de contar cun grupo parlamentar propio no congreso para defender os intereses de Lugo e Galiza por que “ningunha outra forza se debe unicamente aos nosos intereses, aos intereses e necesidades da galegas e galegos”.

Dende o grupo nacionalista lembran tamén que xa foron varias as ocasións nas que se fixo está reclamación, a última no pasado mes de marzo cando se fixo unha campaña reivindicativa con esta cuestión, onde foron sinalando con letreiros nalgúns dos puntos onde se precisaba de carrís de incorporación “malia as nosas diversas denuncias do estado deste tramo, nada se ten feito, e semella que nin tan sequera preocupa” sinalou o voceiro nacionalista. Rubén Arroxo tamén sinalou “corre máis presa darlle solución a estas cuestións, que son de pouco custe, de uso diario e que se poden facer en relativamente pouco tempo, que macroproxectos que non se sabe nin cando rematarán”.

“Hai que trasladarlle ao Goberno do Estado a necesidade de crear carrís de incorporación na N-VI”