PAZ ABRAIRA URXE AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA HORTOS URBANOS

PAZ ABRAIRA URXE AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA HORTOS URBANOS

Tratase dunha partida xa orzamentada para o presente ano 2013 e que foi proposta polo Bloque

A concelleira nacionalista considera que a estas alturas do ano o Concello debería ter avanzado neste proxecto

LUGO, 03 de xullo de 2013.

 O BNG do Concello de Lugo, por boca da concelleira Paz Abraira emprazou hoxe ao Goberno Municipal a dotar á cidade de novos hortos urbanos impulsados polo Concello. En rolda de prensa realizada na zona de Lamas de Prado a concelleira nacionalista lembrou que se trata dun compromiso adquirido polo Concello para o presente ano 2013, e que a estas alturas está completamente paralizado.

Unha das zonas onde os nacionalistas consideran que se pode  implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos da Abella que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Recalcou que desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos.

Segundo Paz Abraira esta iniciativa, “ademais do seu propio valor ecolóxico ten outras implicacións que contribúen a xerar comunidade, promovendo as relacións sociais e inscribíndose en procesos pedagóxicos e de desenvolvemento comunitario. Así mesmo, poden converterse en balóns de oxíxeno económico para moitas familias desta zona de Lugo”. “Hai que ter en conta que nesta zona aínda existen persoas maiores que manteñen as súas hortas e que probablemente estivesen encantadas de transmitir os seus coñecementos” engadiu. Neste sentido comentou “a estas iniciativas públicas hai que darlles un sentido social, de maneira que impliquen aos veciños e veciñas e dinamicen a colaboración entre as persoas”.

Paz Abraira lembrou que xa existen outros hortos na nosa cidade, promovidos pola Deputación Provincial e pola Universidade, pero que pola súa ubicación non son un recurso que poida utilizar maioritariamente a veciñanza da zona norte de Lugo, que ademais conta cunha grande densidade poboacional. A concelleira comentou que “estes proxectos constatan que si existe unha ampla demanda.”

PAZ ABRAIRA URXE AO GOBERNO MUNICIPAL A POÑER EN MARCHA HORTOS URBANOS