POMBO ACUSOU A FEIJOO DE "VENDER UN PÁIS DAS MARAVILLAS" MENTRES ARRUINA Á XENTE COS SEUS RECORTES

POMBO ACUSOU A FEIJOO DE "VENDER UN PÁIS DAS MARAVILLAS" MENTRES ARRUINA Á XENTE COS SEUS RECORTES

Pombo dixo que “o PP está a endebedar Galiza en máis 2.000 millóns de € para o 2.014 mentres recorta preto de 80 millóns en sanidade, educación e benestar”

O BNG emendará os orzamentos da Xunta e pedirá para Lugo, entre outras partidas, as dotacións sanitarias de radioterapia, mediciña nuclear e hemodinámica para o HULA

LUGO, 25 de outubro de 2013. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, fixo hoxe unha valoración dos orzamentos da Xunta acompañado da responsabel comarcal do BNG en Lugo, Esther López. Pombo acusou a Feijoo de “vender un país das maravillas” mentres arruina á xente cos seus orzamentos de recortes. Pombo anunciou que o BNG presentará emenda á totalidade dos orzamentos e no tramite parlamentar presentaranse emendas parciais para tratar de conseguir, para Lugo, partidas orzamentarias para que se cumplan os compromisos que a Xunta ven adiando con Lugo por non ser “prioritarios”.

Pombo e López enumeraron os compromisos incumpridos pola Xunta, gobernada polo PP, cos veciños e veciñas de Lugo e que non están recollidos nos orzamentos da Xunta para o 2014: edificio do Cuartel de San Fernando; dotacións sanitarias de radioterapia, mediciña nuclear e hemodinámica para o HULA; construción de centros de saúde no Sagrado Corazón e no edificio da antiga Residencia; Plan Paradai; investimentos necesarios para os colexos de Anexa, Quiroga Ballesteros e Sagrado Corazón; rehabilitación do barrio da Tinería. Unha das máis flagrantes afrentas para Lugo é que a Xunta desenténdese do Cuartel de San Fernando incumprindo os seus compromisos coa cidade e permitindo que un dos edificios insignes corra grave perigo de derrumbarse.

O parlamentario do BNG afirmou que este orzamentos son “a continuidade da política de recortes de Feijoo iniciada fai 5 anos” e cualificou como “as mentiras de Feijoo” todas as mensaxes que dende o PP se trasladan á sociedade sobre estes orzamentos dos que se di que “contemplan un incremento do gasto social, un gran investimento por cidadán na provincia de Lugo e que 7 de cada 10 galegos verán reducido o seu IRPF”. Para Cosme Pombo “a realidade é que Lugo vai seguir camiñando cara a ruina nos sectores agrarios, forestal, industrial e pesqueiro”.

Incremento do gasto financieiro e redución das transferencias do estado

Segundo explicou Cosme Pombo “vai haber un maior gasto financieiro que supón máis do 17 % do orzamento da Xunta”. Neste periodo de mandato do PP na Xunta a débeda de Galiza pasou dos 3.923 millóns de € do ano 2009 a os 9.397 millóns de € na actualidade, practicamente triplicouse a débeda nestes catro anos. O gasto que a Xunta terá que pagar de intereses e amortizacións 1.100 millóns a 2.070 millóns de €. Ademais as transferencias do Estado redúcense en 187 millóns de euros “pola submisión do goberno galego ao goberno do estado” segundo Pombo.

A mentira da baixada de impostos

O PP anuncia que a rebaixa do IRPF afectará a 7 de cada 10 galegos, esto quere decir que o 70 % dos traballadores deste país teñen uns ingresos menores de 17.000 €. Para Cosme Pombo “por desgracia Feijoo recoñece que os ingresos dos traballadores deste país son dos máis baixos do estado”. O empobrecemento da xente vai vir polo incremento do IVE, do canon da auga, do canon dos hidrocarburos, o copago dos medicamentos, do canon do lixo, etc... Toda a recadación aumenta por impostos que se aplican ás maiorías sociais mentres que as grandes fortunas seguen sen ser gravadas. Cosme Pombo asegurou que “son 55.000 millóns de € o que suman os depositos bancarios na Galiza, cunha tasa impositiva do 0,02% obterianse uns ingresos para as arcas de 110 millóns de euros”. Os pobres pagan cada vez máis e as grandes fortunas pagan menos.

A mentira do incremento no gasto social

Outra das grandes mentiras do PP é dicir que “aumenta o gasto social” xa que as reducións nos orzamentos son considerables: En Sanidade redúcese 34.695.000 € esta redución impedirá que en Lugo se implanten as dotacións sanitarias de radioterapia, mediciña nuclear e hemodinámica para o HULA así como a construción dun novo centro de saúde para o Sagrado Corazón ou a creación dun PAC no edificio da antiga Residencia. En Educación a redución é de 20.710.000 € así Lugo non recibirá os investimentos necesarios para os colexos de Anexa, Quiroga Ballesteros e Sagrado Corazón. O BNG emendará os orzamentos para que estes investimentos, que non so prioritarios para o PP, se materialicen. Despois de 31 anos máis de 20.000 terán que empezar a pagar o comedor escolar. Un 25 % de recorte para libros e material escolar. Cosme Pombo lembrou que no ano 2009 os libros eran gratuítos para todos os alunos deste país.

Vivenda

En materia de vivenda haberá 17.000.000 € menos para rehabilitación e acceso á vivenda. Nesta época de recortes do PP, dende o 2009, as partidas para vivenda reducíronse nun 84,5 % a pesares dos problemas que moitas persoas teñen para acceder a unha vivenda e das moitas persoas que están a sufrir desafiuzamentos. Non haberá fondos para continuar a rehabilitación do barrio da Tinería, que “na época do bipartito se comenzou a rehabilitala para que a xente puidera rehabitala” segundo o parlamentario do BNG.