“UNIFICAREMOS A XESTIÓN DE TODO O QUE AFECTA AO RURAL” AFIRMOU RUBÉN ARROXO

“UNIFICAREMOS A XESTIÓN DE TODO O QUE AFECTA AO RURAL” AFIRMOU RUBÉN ARROXO

IMG_8060O candidato do BNG-Asambleas Abertas reuniuse cun grupo de veciños de Pías onde aínda non funciona o alumeado de Curras de Abaixo, instalado  fai máis de 5 anos

“Todo o que afecte ás parroquias debe poder ser tramitado dende o departamento de Medio Rural, o concello ten que facilitarlle os trámites ás persoas e non marealas enviando papeles dun departamento a outro” afirmou Arroxo

Lugo, 11 de abril 2015. Nunha visita Pías o candidato do BNG-Asambleas Abertas afirmou que “unificaremos a xestión de todo o que afecta ao rural e ás parroquias”. Arroxo, estivo acompañado por Xosé Luis Varela Piñeiro, número 5 da candidatura, e amosouse disposto a dar pasos para que todas as solicitudes e demandas que chegan ao concello dende as parroquias se poidan tramitar dende un portelo único do departamento de Medio Rural. “o concello ten que facilitarlle os trámites ás persoas e non marealas enviando papeles dun departamento a outro” dixo Rubén Arroxo.

Arroxo explicou que “dende as parroquias chegan ao concello solicitudes que afectan a diversos negociados municipais e, para a xente, é un auténtico calvario percorrer diferentes oficinas do concello perseguindo papeis que se reclaman uns departamentos a outros”. Rubén Arroxo dixo que “non é normal que haxa que solicitar papeis no concello para entregarllos de novo ao propio concello” e engadiu que “a día de hoxe existen mecanismos que permiten que as administracións recopilen a información necesaria por vía telemática sen ter que obrigar ás persoas a andar paseando dun lado para outro”.

“Pías é un exemplo do que é sufrir no rural a desidia dun goberno municipal” afirmou Arroxo que se referiu a todos os anos que tiveron que esperar os veciños e veciñas pola posta en marcha do saneamento e tamén exemplificou coas farolas de Curras de Abaixo “que despois de 6 anos dende a súa instalación seguen sen funcionar”. Rubén Arroxo lembrou que en marzo de 2014 o BNG demandou a posta en funcionamento do alumeado público que instalou ADIF cando se acometeu a obra de eliminación do paso a nivel do ferrocarril no lugar de Corrás de Abaixo.

No lugar de Corrás de Abaixo, na parroquia de Pías, realizouse unha obra para a eliminación dun paso a nivel sobre o ferrocarril consistente na construción dun paso soterrado baixo a vía do ferrocarril. Dentro das actuacións acometidas instaláronse un número considerable de farolas no trazado da pista e a ambos os dous lados da vía do ferrocarril. Segundo explicou Arroxo “o conxunto de farolas do que estamos a falar están a unha distancia inferior aos 50 metros dende o último punto de luz da rede de alumeado público, polo que non debería existir ningunha complicación técnica para proceder á conexión”.