XORNADA REIVINDICATIVA E FESTIVA EN LUGO POLO DÍA DA PATRIA CENTRADA NA SOBERANÍA

XORNADA REIVINDICATIVA E FESTIVA EN LUGO POLO DÍA DA PATRIA CENTRADA NA SOBERANÍA

O BNG ORGANIZA ESTE XOVES EN LUGO UNHA XORNADA REIVINDICATIVA E FESTIVA EN LUGO POLO DÍA DA PATRIA CENTRADA NA SOBERANÍA

 A xornada comezará pola tarde cunha feira de asociacións, presentacións, obradoiros para nenos e nenas e teatro de rúa e rematará cun acto público co portavoz nacional do BNG e un concerto

Cosme Pombo fixo un chamamento “a todas e todos os que nos sentimos galegos a participarmos o 25 de xullo na manifestación na Alameda compostelá”

No acto político tamén terán voz os diferentes colectivos que levan loitando tempo polos seus dereitos, coma os afectados polas preferentes ou de Alimentos Lácteos

Lugo, 16 de xullo de 2013. Esta mañá compareceron en rolda de prensa a responsábel comarcal do BNG, Esther López, e mailo deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, para presentar a campaña que o BNG está a levar a cabo por todo o país con motivo da celebración do Día da Patria o vindeiro 25 de xullo, no que se está a centra na defensa da soberanía para Galiza como alternativa á saída da crise económica e social que padecemos, baixo o lema “Galiza pola Soberanía”.

Como actos previos ao grande día do 25 de xullo, o BNG celebrará en Lugo unha xornada festiva e reivindicativa que terá lugar este xoves 18 de xullo na Praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello de Lugo. Os actos comezarán pola tarde cunha feira de asociacións, onde diversos colectivos culturais e sociais exporán as súas iniciativas e haberá actividades e obradoiros para nenos e nenas desde as 17:30 horas, que continuará ás 19:30 horas e teatro de rúa con Microefectos Dramatúrxicos e ás 21:00 horas o concerto de Habelas Hainas.

Tal e como informou a responsábel comarcal do BNG, ás 8 da tarde terá lugar un acto político coa intervención dun membro de Galiza Nova, ademais da propia responsábel comarcal, Esther López, o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, e pecharase coa intevención do Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence. Na súa aposta na defensa dos colectivos que máis están a sufrir en Galiza os efectos das políticas neoliberais que usan a crise como coartada para eliminar dereitos sociais, o BNG tamén dará voz para que interveñan neste acto representantes da Plataforma para a Defensa do IES das Mercedes e do Ensino Público, do comité de empresa de Alimentos Lácteos, da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública e da Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas de Lugo.

Esther López sinalou que neste acto, “desde o BNG incidirase na necesidade de mobilización social porque a sociedade non pode ficar de brazos cruzados mentres toman medidas que agravan aínda máis a recesión e destrúen aínda moitos máis postos de traballo. O BNG quere chamar á cidadanía lucense á mobilización e que se poña en pé na defensa dos seus dereitos o 25 de xullo, e que a xente botada á rúa sexa un dique de contención contra o vendaval centralista, antisocial e antidemocrático que ten levantado o PP contra Galiza”. Nesta liña enmarcou estes actos que se levan a cabo en todas as comarcas nas que o BNG divide a súa actividade, nos que participan membros do BNG e tamén os colectivos máis afectados pola degradación dos dereitos sociais.

Cosme Pombo falou da necesidade de saír á rúa nun día festivo e reivindicativo a partes iguais xa que “día a día seguen a recortarnos dereitos e a precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores”.

Pombo fixo un chamamento a todo o pobo galego a “participar de xeito masivo” na mobilización e colocar nas xanelas bandeiras galegas para popularizar a “reivindicación da soberanía política de Galiza” como un dereito e necesidade contra a situación “dramática que a nosa nación está a arrastrar”.

Cosme Pombo vinculou a falta de soberanía aos problemas de moitos sectores produtivos galegos entre os que destacou o naval, pesqueiro, agrogandeiro, pequeno comercio e o “monumental roubo provocado polas participacións preferentes”.

O BNG de Lugo porá a dispor de quen queira participar nos actos do 25 de xullo un autobús para Compostela que sairá ás 10 da mañá da estación de tren de Lugo.

Durante o 24 e 25 de xullo desenvólvese, coma en anos anteriores, o Festigal, no que hai desde concertos pola noite a unha feira de asociacións durante todo o día e diferentes actuacións ao longo das dúas xornadas.

XORNADA REIVINDICATIVA E FESTIVA EN LUGO POLO DÍA DA PATRIA CENTRADA NA SOBERANÍA