27 empresas optan a realizar o pintado da sinalización horizontal da cidade

Alexandre Penas: “Dividimos a actuación en catro lotes, para que se recuperen as marcas viais de maneira homoxénea por toda a cidade”

Hoxe realizouse a primeira xuntanza da Mesa de Contratación, que continuará a reunirse nos vindeiros días

27 empresas optan a realizar o pintado da sinalización horizontal da cidade

Lugo, 09 de xaneiro de 2020. O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, indicou que a Mesa de Contratación está a estudar as 27 propostas que chegaron para a realizar o pintado da sinalización horizontal da cidade. “Dividimos a cidade en catro lotes para que todo Lugo vaia recuperando a sinalización horizontal de maneira simultánea e homoxénea”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “cada unha das empresas só poderá optar, como máximo, a dous destes lotes”.

“A mesa de contratación continúa a revisar a documentación aportada polas empresas”, indicou Alexandre Penas, que engadiu “debido á magnitude desta actuación, o proceso de revisión está a ser complicado”. Durante a mañá de hoxe realizouse a primeira xuntanza da Mesa, que continuará a reunirse para revisar a documentación presentada durante os vindeiros días.

Penas indicou que a actuación contempla o pintado de toda a sinalización horizontal da cidade, incluíndo as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, e que se realizarán modificacións nos pasos de peóns “para asegurar o tránsito de motos e bicicletas”. Unha vez remate o proceso de adxudicación, as empresas terán un prazo de 4 meses para executar o pintado.