O BNG-AA SOLICITOU A COMPARECENCIA DA ALCALDESA NO PLENO DA CORPORACIÓN ANTE O SILENCIO QUE VEN GARDANDO O PSOE SOBRE A ADXUDICACIÓN DO SERVIZO DE BUS URBANO

“A alcaldesa comparece no Pleno e ten que explicar o que vai pasar co servizo bus nesta cidade” dixo Arroxo

“Na av. da Coruña diante de Frigsa pasan 5 ás horas e media e 3 ás horas en punto que van en fila, ben repartidos podería pasar un bus cada 10 minutos” afirmou Arroxo

“A alcaldesa comparece no Pleno e ten que explicar o que vai pasar co servizo bus nesta cidade” dixo Arroxo

Lugo, 16 de abril de 2018. No pleno extraordinario convocado para o martes 17 de abril está prevista a comparecencia da alcaldesa, solicitada polo BNG, para que  dea conta de “por que ten secuestrada a información das novas liñas de buses” dixo Rubén Arroxo e sinalou “o feito de que non se explique a situación do contrato, das novas liñas nin se fale sobre o cumprimento dos compromisos da empresa, nin se coñeza cales van ser os novos servizos ofertados, xenera unha inevitable desconfianza”. Arroxo afirmou “a alcaldesa ten a oportunidade explicar no pleno para que as veciñas e veciños saiban cal é o servizo de bus que este goberno lle vai dar a Lugo”.

O BNG-AA presentou, en numerosas ocasións, iniciativas en pleno e comisión para que o goberno comunique como vai quedar definido o servizo público de transporte de pasaxeiros no concello de Lugo pero ate o día de hoxe “os tratos entre a empresa e o goberno municipal continúan sendo segredos”. Xa houbo dous acordos plenarios, en setembro e decembro, para que, nun prazo de 15 días, se dera conta aos grupos da oposición e os acordos non se cumpriron. “O bus non funciona e a alcaldesa mira para outro lado despois de entregar a explotación das liñas sen dar explicación de ningún tipo” afirmou Arroxo. O goberno segue sen dar explicacións sobre o novo contrato dos buses e non se sabe nada de como van quedar as liñas de transporte urbano.

Sen unha reestruturación das liñas os buses urbanos non poden cumprir os horarios e o goberno municipal debería estar traballando neste asunto por que non se sabe en que vai consistir a renovación das liñas. “Ata agora non se tivo en conta a creación dun novo polígono nas Gándaras, nin da existencia do HULA, nin as necesidades de moitas zonas do rural, nin se tivo en conta as suxestións de moitas persoas e colectivos que presentaron propostas nos prazos previos á adxudicación” afirmou o voceiro do BNG-AA. Arroxo explicou que “a ninguén se lle escapa que o actual deseño das liñas é totalmente obsoleto e hai servizos que son absolutamente deficientes”.

Buses cada media hora

Rubén Arroxo explicou que “Na av. da Coruña diante de Frigsa pasan 5 ás horas e media e 3 ás horas en punto que van en fila” o voceiro do BNG propuxo unha revisión destes horarios por que “ben repartidos podería pasar un bus cada 10 minutos” afirmou Arroxo. O voceiro do BNG-AA dixo “o que Lugo precisas é unha aposta seria polo servizo de transporte urbano e unha aposta por unha mobilidade do século XXI”.

“A alcaldesa comparece no Pleno e ten que explicar o que vai pasar co servizo bus nesta cidade” dixo Arroxo