MAITE FERREIRO SINALOU QUE “NON TEMOS MOITOS CONTACTOS CO PALACIO REAL PERO FIXÉRONNOS SABER QUE AOS REIS GÚSTALLES COÑECER E RESPECTAR AS LINGUAS DOS PAÍSES AOS QUE VIAXAN”

“A alcaldesa debería pedirlle aos reis un tradutor de galego para cumprir a ordenanza municipal” dixo Maite Ferreiro

A edil nacionalista dixo que “agardamos que a partir deste ano 2018 se respecte a ordenanza de uso do idioma do Concello e se amose máis cariño pola nosa lingua”

“A alcaldesa debería pedirlle aos reis un tradutor de galego para cumprir a ordenanza municipal” dixo Maite Ferreiro

Lugo, 4 de xaneiro 2018. A edil do BNG - AA, Maite Ferreiro, dixo hoxe que “a alcaldesa podería pedir un tradutor de galego, así poderá utilizalo ela e facilitárllelo a aqueles departamentos do concello que o precisen”. Ferreiro sinalou que os sinais colocadas para prohibir o aparcamento nas rúas polas que pasará a cabalgada de reis está “unicamente” en idioma español. Ferreiro ironizou sinalando “non temos moitos contactos co palacio real pero fixéronnos saber que aos reis gústalles coñecer e respectar as linguas dos países aos que viaxan”.

A edil nacionalista dixo que “agardamos que a partir deste ano 2018 se respecte a ordenanza de uso do idioma do Concello e se amose máis cariño pola nosa lingua”. Ferreiro destacou que “estamos vendo como gran parte da sinalización que está colocando en diferentes zonas da cidade vai rotulada, soamente, en idioma español” e engadiu que “incluso nestes días comprobamos como decretos asinados pola alcaldesa non se redactan no noso idioma, incumprindo a ordenanza de uso do idioma deste concello que foi aprobada por unanimidade no Pleno da corporación”.

Ferreiro tamén apuntou que nas actividades organizadas polo concello para nenas e nenos, neste nadal, tamén se descoidou a promoción do galego “os espectáculos infantiles son unha das mellores oportunidades para achegar o noso idioma ao futuro que son os máis cativos da casa” dixo Ferreiro. A edil do BNG dixo “quen representamos ás lucenses que nos elixiron para formar parte das institucións temos que ser exemplo de respecto, cariño e orgullo da nosa identidade e do noso idioma para garantirlle mil primaveras máis”.