“BUSCAMOS QUE A VECIÑANZA DE LUGO SIGA NAS SÚAS CASAS E QUE OBTEÑAN FOTOS CURIOSAS DESTA ATÍPICA SITUACIÓN”, INDICOU MAITE FERREIRO

A área de Cultura do concello de Lugo promove a iniciativa fotográfica #NACASAEDESDEACASA

O prazo para enviar imaxes remata o vindeiro 3 de abril

A área de Cultura do concello de Lugo promove a iniciativa fotográfica #NACASAEDESDEACASA

Lugo, 26 de marzo de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou a posta en marcha da iniciativa fotográfica #NACASAEDESDEACASA. Segundo Maite Ferreiro, “desde a área de Cultura poñemos en marcha este concurso para ofrecer ás veciñas e veciños de Lugo unha nova opción de ocio nestes días de peche pola crise sanitaria”.

#NACASAEDESDEACASA está dividido en dúas modalidades: NACASA que mostrará como están a pasar o encerro as veciñas e veciños de Lugo e DESDEACASA na que se retratará a súa cidade dende as fiestras e balcóns. “O obxectivo desta proposta é que a veciñanza de Lugo siga nas súas casas e obteñan fotos curiosas desta atípica situación que nos tocou vivir”, afirmou Maite Ferreiro.

Para participar, as persoas interesadas deben enviar un máximo de 10 imaxes ás redes sociais da área de Cultura. As imaxes poden ir acompañadas  dun nome ou pseudónimo e unha descrición da mesma. O prazo rematará o vindeiro 3 de abril, e as fotografías utilizaranse para crear vídeos coas imaxes participantes en cada categoría.