RUBÉN ARROXO: “COLABORAMOS COS NOSOS SOCIOS DE GOBERNO QUE NESTE ARRANQUE DE MANDATO SE ATOPAN CON ESCASEZA DE MEDIOS”

Arroxo entrega mobiliario urbano ás áreas de medio rural e medio ambiente para que cumpran cos compromisos pendentes

“O único fin ten que ser facer que Lugo funcione dende un goberno que actúe unido e sen fisuras”

Arroxo entrega mobiliario urbano ás áreas de medio rural e medio ambiente para que cumpran cos compromisos pendentes

Lugo, 17 de agosto de 2019. Bancos e xardineiras que estaban baixo custodia da área de infraestruturas que dirixen os nacionalistas, a partir de agora serán instalados dende as diferentes áreas de goberno “para activar lugo e cumprir coas veciñas e veciños que demandan un concello útil”. O alcalde en funcións ofreceuse a tramitar as solicitudes de mobiliario urbano e sinalou “entendemos que o goberno municipal ten que actuar unido e a atención aos barrios e parroquias ten que ser o máis áxil posíbel”.

Rubén Arroxo entregou ás concellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, que dirixen os socialistas Álvaro Santos e Miguel Fernández, un lote de bancos e outro mobiliario urbano “para axilizar a atención a moitas solicitudes que están pendentes de executar”. “Dende as nosas áreas temos facilidade para colaborar cos nosos socios de goberno, que, neste arranque de mandato, se atopan con escaseza de medios”, apuntou o alcalde en funcións, e engadiu “o único fin ten que ser facer que Lugo funcione dende un goberno que, formado por dous partidos políticos, actúe unido e sen fisuras”.

 

“Dar solución aos problemas que ten o concello de Lugo e facer un proxecto para Lugo deben son os obxectivos deste goberno” sinalou Rubén Arroxo, que explicou que “dende o goberno estamos a desenvolver actuacións en dúas liñas, por unha banda, levando a cabo proxectos ambiciosos para a cidade, e por outra, solucionando problemas coma este, que non son máis que solucionar as peticións que recibimos por parte da veciñanza”.