O BNG XA PROPUXO NO MES DE XANEIRO PASADO A POSTA EN MARCHA DUN PLAN ESPECÍFICO DE  CONCIENCIACIÓN E CONTROL NOS PASOS DE PEÓNS

Arroxo pediu “medidas para que no 2018 non se repita a cifra de atropelos do ano pasado, case un semanal”

No ano 2017 houbo un total de 49 atropelos no casco urbano de Lugo dos cales o 73 % foron nos pasos de peóns

Arroxo pediu “medidas para que no 2018 non se repita a cifra de atropelos do ano pasado, case un semanal”

Lugo, 20 de xaneiro 2018. “Agardamos que neste ano que comeza o goberno municipal non siga facendo ouvidos xordos ás nosas propostas e tome medidas serias para evitar os accidentes” dixo Rubén Arroxo que informou datos que obran na unidade de atestados da policía local de Lugo relativos aos atropelos producidos nas vías urbanas do termo municipal. Arroxo pediu “medidas para que no 2018 non se repita a cifra de atropelos do ano pasado, case un semanal” e afirmou que “na cidade houbo un total de 49 atropelos no ano 2017, un deles con resultado de morte, e non se toman medidas para evitalos”.

Arroxo lembrou que o BNG fixo, en varias ocasións, propostas para afrontar este problema existente en Lugo “en xaneiro deste ano propuxemos un plan semanal de control de pasos e peóns para sensibilizar a transeúntes e condutores, este tipo de iniciativas xa se ten experimentado con efecitividade noutros concellos do estado e debe ter como obxectivo a información e non a sanción”. O voceiro do BNG sinalou a necesidade de poñer en marcha un plan “efectivo” para reducir a cifra e atropelos nas rúas urbanas de Lugo. Arroxo apuntou que “en moitos dos casos se repiten constantes como persoas de idade avanzada e atropelos nos propios pasos de peóns”.

Dos 49 atropelos que se produciron, un 73% (36) perpetráronse en pasos de peóns e no 76 % dos casos, en 38 atropelos, determinouse que o atropelo foi producido pola acción de condutores dos vehículos implicados. Ademais, nestes 49 atropelos, a policía local determinou as causas e as responsabilidades no 100% dos casos. “É certo que o ano 2017 foi no que menos atropelos se produciron nesta década na cidade e entendemos que foi grazas ás medidas que se foron tomando para o calmado do tráfico en diferentes zonas da cidade como a ronda da Muralla” afirmou Arroxo.

Arroxo lembrou que segundo os datos recollidos no informe emitido pola Policía Local o número do atropelos no ano 2011 foi de 56 dos cales 27 foron no pasos de peóns, no ano 2012 foi de 50 dos cales 24 foron no pasos de peóns, no ano 2013 foi de 58 dos cales 41 foron no pasos de peóns, no ano 2014 foi de 61 dos cales 42 foron no pasos de peóns, no ano 2015 foi de 57 dos cales 31 foron no pasos de peóns, no ano 2016 foi de 61 dos cales 24 foron nos pasos de peóns. Á vítima mortal do 2017 hai que sumar outros dous atropelos mortais, ámbolos dous en pasos de peóns, nos anos 2012 e 2016.

Os nacionalistas solicitaron en varias ocasións a posta en marcha dun plan de concienciación e control nos pasos de peóns de cara aos meses con menos horas de luz que é cando existe un maior perigo nas rúas. Para a execución deste plan de control semanal de pasos de peóns o goberno municipal deberá poñer en marcha un operativo, contando coa policía local e a axencia de mobilidade, no que se seleccionen dez pasos de peóns conflitivos cada semana e establecer os controis informativos pola mañá e pola tarde.

“Neste plan de control debe de facilitarse toda a información a condutores e viandantes, anunciando os pasos de peóns que se controlarán cada día” dixo Rubén Arroxo e sinalou que “o plan deber servir, ademais, para obter información sobre as actitudes de condutores e peóns e analizar así cales deben ser os obxectivos a curto e medio prazo para rematar coa praga de atropelos que sufre Lugo”. “Sabemos que esta medida non é a panacea para rematar cos accidentes e atropelos no concello de Lugo, pero é un xeito de empezar a traballar” afirmou Arroxo.

Para o programa de control de pasos de peóns non é preciso contar con moitos medios humanos xa que en cada turno se controlaría unicamente un paso de peóns “o importante é que en Lugo se perciba que se está a facer algo para evitar ese medio cento de atropelos anuais que se veñen dando de media” concluíu Arroxo e lembrou que en Lugo houbo 392 atropelos dende o 2011 ata finais de 2017 e, destes atropelos, 238 foron en pasos de peóns o que supón máis do 60%.

Iluminación específica para os pasos de peóns

O BNG – AA pediu ademais que se acometa a instalación de iluminación específica nos pasos de peóns da cidade. Nas épocas con menos horas de luz a visibilidade redúcese de xeito drástico e esto implica un maior perigo para as persoas que achegan aos pasos de cebra e, en moitas casos, non son vistas polos condutores e condutoras. Ademais da iluminación pública deberíanse instalar puntos de luz que incremente a visibilidade sobre os pasos de peóns para mellorar a seguridade.

 

Nota: achégase corte de voz