RUBÉN ARROXO DIRIXIUSE POR CARTA AO DELEGADO PROVINCIAL DA XUNTA PARA ACLARAR SE O CONCELLO FIXERA ALGUNHA XESTIÓN SOBRE O ENLACE DE SAN EUFRASIO CON FONTIÑAS

“A Xunta aclarou que o concello non fixo nada dende abril para facer a rotonda de Fontiñas” dixo Arroxo

“A Xunta propuxo unha solución técnica para encaixar a rotonda no espazo existente que pasaría pola cesión dun tramo de vía ao Concello” explicou o voceiro do BNG

“A Xunta aclarou que o concello non fixo nada dende abril para facer a rotonda de Fontiñas” dixo Arroxo

Lugo, 31 de xaneiro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, dirixiuse por carta ao Delegado Provincial da Xunta para aclarar se o concello fixera algunha xestión sobre o enlace de San Eufrasio con Fontiñas o pasado día 19 de xaneiro. En contestación á información demandada dende o BNG informouse dende a Xunta sobre as xestións feitas entre ámbalas dúas administracións para poder enlazar os dous viais a través dunha rotonda. Arroxo lembrou o sucedido coa zona pública de baño e afirmou “unha vez máis é o BNG quen destapa as inacción deste goberno municipal que recentemente contestou que agardaban pola contestación da Xunta para as debidas actuacións”.

“O 4 de abril de 2017 dirixiuse un escrito ao Concello, dende a Xunta, propoñendo unha posible solución pero dende o concello non se fixo nada” explicou o voceiro do BNG e aclarou que “dende a Xunta incluso se propuxo a posibilidade de tramitar a cesión dun tramo da LU-530 ao concello de Lugo para que as dimensións da glorieta se poidan adaptar á normativa municipal e non á da rede de estradas da Xunta que resulta moito máis restritiva en canto ás especificacións técnicas”.

Segundo a información á que tivo acceso o BNG sobre este asunto, o 20 de febreiro de 2017 o Concello de Lugo, a través do Servizo de Enxeñería, dirixiu un escrito solicitando pronunciamento técnico sobre a viabilidade e oportunidade de construción dunha glorieta na confluencia da rúa S. Eufrasio (estrada LU-530) e a Ronda de Fontiñas. Con data 4 de abril de 2017, o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas dirixe contestación escrita ao Concello de Lugo nas que se comunican o seguinte:

  • A rotonda estaría situada no dominio público do treito urbano da estrada LU-530 que está integrada na Rede Autonómica de Estradas de Galiza.
  • Que transformar esta intersección construíndo unha glorieta sería unha decisión tecnicamente acertada, e para que sexa eficiente e eficaz a contrución da mesma debe deseñarse cos parámetros axeitados.
  • Ao formar parte a estrada LU-530 da Rede Autonómica de Estradas de Galiza o proxecto que se redacte para a construción da glorieta deberá adaptarse ás especificacións contidas no artigo 10.6 da Norma 3.1-I.C de Trazado da instrución de Estradas.
  • Tamén se aporta, como posibilidade, que se este treito urbano da estrada LU-530 fose de titularidade municipal, a competencia para proxectar e construir a glorieta correspondería ao Concello de Lugo que podería conseidear os parámetros técnicos de deseño que considerase oportuna ao tratarse dun viario urbano e non dun treito dunha estrada da Rede Autonómica, e para esto podería tramitarse un cambio de titularidade do treito que corresponde a rúa San Eufrasio ao abeiro do establecido da Lei de Estradas de Galiza.