OS ENSAIOS COMEZARÁN NA VINDEIRA SEMANA

A Banda Municipal de Música actuará no San Froilán

As persoas que vaian visitar Lugo durante o San Froilán terán un 25% de desconto con ALSA

A Banda Municipal de Música actuará no San Froilán

Lugo, 13 de setembro de 2019. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que, despois de 3 anos de parón a Banda Municipal de Música retomará a súa presenza no San Froilán, continuando cos seus 85 anos de historia nas festas. Ferreiro indicou que “dende o concello convidaremos dirección e intérpretes para reforzar á banda, que comezará a ensaiar durante a próxima semana”, e engadiu “agardamos que este sexa o punto de partida para recuperar a normalidade na Banda Municipal”. Actualmente, a Banda Municipal leva 2 anos e 8 meses sen director desde a xubilación do anterior. Maite Ferreiro indicou que xa se está traballando, en conxunto coa área de Recursos Humanos, para solventar esta situación.

Outras 4 bandas actuarán nesta edición da gran festa do outono galego. O sábado 5 de outubro, a Banda Filharmónica de Lugo, seguida da Banda da Escola de Música de Rianxo tocarán na praza de San Marcos. O domingo das mozas, a praza de Santa María acollerá á Banda de Música de Outeiro de Rei e á Banda de Santiana de Figueira da Foz, e será o 12 de outubro cando a Banda Municipal de Musica toque na praza de Santa María. Coa presenza destas bandas, desde a Concellería de Cultura aténdese a unha das propostas que presentou o Grupo Municipal do PP para a comisión de festas.

Descontos para vir a Lugo durante as festas

Maite Ferreiro anunciou que un ano máis, as persoas que visiten Lugo durante o San Froilán volverán ter desconto nas viaxes a Lugo con ALSA. O desconto do 25% en billetes de ida e volta está xa activo para viaxes entre o 2 e o 14 de outubro. Para desfrutar do desconto, deberase introducir o código SFROILAN19 ao realizar a compra.