O BNG-AA esixe seriedade cos servizos de abastecemento e saneamento de augas no rural

Nalgunhas parroquias xa se anunciou varias veces que se ían executar servizos de abastecemento de auga ou de saneamento, que despois se perderon polo camiño” sinalou Rubén Arroxo

O BNG-AA esixe seriedade cos servizos de abastecemento e saneamento de augas no rural

Lugo, 11 de decembro 2016. Ante o recente anuncio dado polo goberno municipal da ampliación das redes de saneamento e abastecemento de augas en diferentes parroquias no rural, o BNG esixe ao goberno que non quede “en papel mollado” e que actúen con seriedade á hora de facer determinados anuncios. Estas afirmacións feitas polo portavoz do BNG débense a que na súa opinión o goberno municipal leva anos anunciando ou prometendo ás veciñas e veciños das parroquias, obras deste tipo que nunca se chegan a executar “Nalgunhas parroquias xa se anunciou varias veces que se ían executar servizos de abastecemento de auga ou de saneamento, que despois se perderon polo camiño” sinalou Rubén Arroxo.

O BNG puxo os exemplos de Orbazai e Adai onde sendo Orozco alcalde de Lugo, o goberno municipal comprometeuse a darlles un servizo que aínda non teñen, malia ter os depósitos e a potabilizadora respectivamente nas súas parroquias. O mesmo acontece con outras parroquias como poida ser San Xoán de Pena, onde tamén recibiron promesas para estar dotados de saneamento e a día de hoxe hai varios núcleos, que estando a escasos metros da depuradora, aínda non o teñen.

O concelleiro nacionalista volveu criticar que a alcaldesa preferise cartearse con Feijóo a sentarse a negociar “temos un presidente da Xunta de Galiza que mira para outro lado cando lle falan de Lugo, e se non se lle presiona con seriedade para que dunha vez colabore economicamente de cara a resolver o saneamento e abastecemento no rural, as parroquias de Lugo seguirán esquecidas”