O BNG-AA INSTALOU UNHA CARPA COA QUE PERCORRERÁ DIVERSOS PUNTOS DA CIDADE NOS VINDEIROS DÍAS PARA ACHEGAR Á RÚA ESTA CAMPAÑA “NECESARIA PARA QUE LUGO FUNCIONE”

O BNG-AA inicia unha campaña participativa para facer que o bus funcione en Lugo

Rubén Arroxo afirmou que “ante a inacción do goberno municipal saímos á rúa para recoller as propostas das veciñas e veciños por que Lugo precisa liñas eficaces de bus”

O BNG-AA inicia unha campaña participativa para facer que o bus funcione en Lugo

Lugo, 11 de xaneiro 2018. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou hoxe, acompañado de militantes e simpatizantes do BNG, a campaña coa que percorrerán diferentes puntos da cidade para recoller propostas e presentar iniciativas relativas ao servizo de transporte urbano de persoas. Rubén Arroxo afirmou que “ante a inacción do goberno municipal saímos á rúa para recoller as propostas das veciñas e veciños por que Lugo precisa liñas eficaces de bus”. O BNG-AA instalou unha carpa coa que percorrerá diversos puntos da cidade nos vindeiros días para achegar á rúa esta campaña “necesaria para que Lugo funcione”.

“Unha das ideas principais desta campaña é recoller as ideas e as propostas das veciñas e veciños de Lugo que son quen verdadeiramente coñecen as necesidades e as deficiencias do sistema de transporte público” informou Arroxo. O BNG-AA aproveitará para achegar as propostas feitas ao longo destes anos para mellorar o sistema de transporte público. Entre as propostas do BNG-AA figura a creación dunha aplicación informática e unha APP para calcular os tempos e percorridos nos buses e facer que os paneis das paradas funcionen, Arroxo explicou que se trataría de “poder coñecer cales son os percorridos, con transbordos incluídos, para chegar do xeito máis rápido a diferentes puntos da cidade”.

O voceiro do BNG-AA afirmou que “hai varias cuestións clave para un bo funcionamento do transporte urbano de pasaxeiros como a gratuidade dos transbordos entre as diferentes liñas ou o bo funcionamento dos paneis informativos”. O BNG-AA propón que existan paradas de bus a menos de 5 minutos a pé na zona urbana e unha maior cobertura para a zona rural. Entre as propostas presentadas por Rubén Arroxo está a de establecer máis conexións con HULA dende os barrios e mellorar a puntualidade dos vehículos.

Rubén Arroxo apostou por mellorar a rede de liñas que comunican os diferentes barrios da cidade e por deseñar unha liña que percorra a cidade no eixo norte-sur, dende Garabolos ata o Campus Universitario, e que teña unha frecuencia de paso de 15 minutos. “Para recuperar usuarios para transorte urbano temos que ter autobuses útiles” dixo Arroxo que tamén apostou por crear un liña rotatoria que circule polas rúas que conforman a segunda ronda da cidade con unha frecuencia de 30 minutos.

Conexión cos aparcadoiros disuasorios

Outras das propostas lanzadas dende o BNG-AA para o novo servizo de autobuses urbanos municipais é a de conectar, a través de liñas de autobús, os aparcadoiros disuasorios co centro da cidade. “Temos que pensar nunha rede de aparcadoiros disuasorios que estén interconectados entre si e co resto da cidade a través de liñas de autobuses” dixo Arroxo e explicou que “está claro que cun sistema de transbordos gratuítos este sistema intermodal de transporte é fácil de poñer en marcha”.