PARA O BNG “A CREACIÓN DESTE ESPAZO ENCAIXARÍA PERFECTAMENTE DENTRO DOS FONDOS EDUSI” E “È UNHA INICIATIVA RAZOABLE, DEMANDADA E NECESARIA”

O BNG-AA insiste na creación dun aparcadoiro verde no entorno da Ponte Romana e na peonalización da Calzada

“Imos cara a primavera e segue sen resolverse o problema de aparcamento no entorno da Ponte Romana nin a peonalización da Calzada” dixo Rubén Arroxo

O BNG-AA insiste na creación dun aparcadoiro verde no entorno da Ponte Romana e na peonalización da Calzada

Lugo, 2 de marzo 2018Arroxo insistiu hoxe na necesidade de que o goberno municipal se poña a traballar para que nesta primavera se efectivice a creación dun aparcamento verde e sostible no entorno da Ponte Romana. “Calquera persoa coñece a cantidade de coches que se amorean na entrada do paseo fluvial e nas inmediacións da Ponte Romana cando fai bon tempo e tamén nos días nos que xoga o CD Lugo ou hai actividades no Pazo de Feiras e Congresos, e iso é o que realmente acredita a necesidade de dar unha solución a esta falta de espazo para o estacionamento” afirmou Rubén Arroxo.

Arroxo explicou que se trataría de habilitar unha zona nos terreos situados no parque do entorno do Pazo de Feiras e cerca da Ponte Romana. Trataríase de adaptar un espazo como aparcadoiro verde e sostible que é un sistema de pavimento no que o formigón convive coa vexetación, permitindo a drenaxe das augas pluviais e evitando o impacto paisaxístico e eliminando a afección aos cauces fluviais colindantes. Para o BNG “a creación deste espazo encaixaría perfectamente dentro dos fondos EDUSI” e “è unha iniciativa razoable, demandada e necesaria”

O voceiro nacionalista defende que o río Miño é, xunto á Muralla, un dos principais sinais de identidade que ten Lugo, polo que ten que ser potenciado. O BNG-AA propón crear unha rede de infraestruturas vinculadas ao río, incluíndo a praia fluvial, o complexo dos Robles, a Escola de Piragüismo, ou un Centro de Interpretación da Natureza da vella potabilizadora, o Museo da Fábrica da Luz, e o complexo termal ao aire libre que propuxo o BNG. O BNG-AA defende tamén a recuperación dos usos tradicionais do río e a súa utilización como lugar de deporte, lecer e esparcemento dos lugueses.

Peonalización da Calzada da Ponte

O voceiro do BNG-AA referiuse tamén á necesidade de acometer a necesaria peonalización da Calzada da Ponte “unha iniciativa presentada e aprobada en diferentes órganos do concello que segue sen facerse realidade” dixo Rubén Arroxo que lembrou que “por esta vía transita o Camiño de Santiago, é unha das principais vías de achegamento entre a cidade e o río Miño e ademais é zona de ocio en diversos momentos do ano”. O BNG pediu en diferentes ocasións o adecentamento e peonalización da Calzada da Ponte.