SON CONTINUAS AS QUEIXAS POLOS DESTROZOS QUE SE PRODUCEN EN PISTAS, ESTRADAS E ACCESOS “A ÚLTIMA QUE RECIBIMOS É DA PARROQUIA DE OMBREIRO NO LUGAR DE BANDELO” DIXO ARROXO

O BNG-AA levará ao Pleno unha proposta para crear a Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira

Parroquia de Ombreiro no lugar de Bandelo
Parroquia de Ombreiro no lugar de Bandelo

“O BNG xa implantou, con éxito, unha ordenanza similar no Concello de A Pastoriza e sabemos que é a solución para os problemas que se dan en Lugo” dixo Rubén Arroxo

O BNG-AA levará ao Pleno unha proposta para crear a Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira

Lugo, 14 de abril 2018. O BNG proporá no vindeiro Pleno da Corporación a creación dunha Ordenanza Municipal de Corta e Saca de Madeira para dar solución aos problemas creados en numerosas pistas e estradas do concello. “Cada día recébense máis queixas e denuncias de destrozos en vías públicas pola acción da corta e saca de madeira en fincas privadas” dixo Rubén Arroxo e indicou “a última que recibimos é da parroquia de Ombreiro no lugar de Bandelo, onde xa nin os grandes camións poden pasar polos destrozos que eles mesmos fixeron e teñen que ser remolcados para sair das pistas municipais”.

Rubén Arroxo salientou “o BNG xa promoveu unha das primeiras ordenanzas, na provincia, deste tipo no concello da Pastoriza” e explicou “se o concello non se dota dunha ordenanza municipal pouco se pode facer para obrigar a quen fai destrozos nas pistas a que reparen os danos”. Grazas á Ordenanza proposta polo BNG os empresarios que pretendan facer corta e saca de madeiras terán que identificarse previamente a asumir os gastos derivados da reposición e amaño dos destrozos que fagan durante o proceso.

“Non pode ser que sexa o concello quen asuma os custos de arranxo das pistas que se destrozan nas sacas de madeira e que sexan os veciños das parroquias os que sufran os efectos” apuntou Rubén Arroxo. O voceiro nacionalista advertiu que “gandeiros da zona de Romean víronse ameazados polos camioneiros que recollen o leite, non acudirían a recoller o leite por que a pista quedou tan destrozada, despois dunha saca de madeira, que tiñan medo de ter graves avarías nos seus propios vehículos”.

Arroxo dixo que “na ordenanza que se redacte ten que quedar claro que a empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte de madeira, debendo reparar o dano causado” e que “o Concello terá que velar especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden nun axeitado estado de limpeza e seguridade”.

Ordenanza Municipal de A Pastoriza: http://www.concelloapastoriza.es/portal_localweb/p_84_contenedor1_ayto_apastoriza.jsp?seccion=s_fdoc_d4_v1.jsp&contenido=1123&tipo=5&nivel=1400&layout=p_84_contenedor1_ayto_apastoriza.jsp&codResi=2&language=gl&codMenu=105&codMenuPN=26&codMenuSN=102&level=1