“O GOBERNO MUNICIPAL NON É CAPAZ DE DAR SOLUCIÓN Á ESTABILIDADE LABORAL NECESARIA DO PERSOAL DA ESCOLA DE MÚSICA E ESO ARRASTRA A ESTAS SITUACIÓNS” SINALOU MAITE FERREIRO

O BNG-AA pide que se cubran as baixas laborais na Escola Municipal de Música

Foto arquivo BNG
Foto arquivo BNG

Hai alumnado que non recibe a formación na que se matriculou por que o profesorado que cubre as ausencias non é especialista en todos os instrumentos e materias

O BNG-AA pide que se cubran as baixas laborais na Escola Municipal de Música

Lugo, 11 de abril 2018. O BNG trasladou unha serie de preguntas ao goberno municipal para aclarar o que está a suceder na Escola Municipal de Música onde, segundo explicou Maite Ferreiro, “temos información de que xa son dous os profesores que pediron a baixa médica e deixaron de impartir clases, pero non se fixeron as correspondentes substitucións para que o alumnado poida continuar recibindo as aulas”. Ferreiro explicou que “as aulas de instrumento e materias que se imparten na Escola de Música son moi específicas e precisan de profesorado especialistas en cada instrumento e en cada materia” e engadiu “neste momento as baixas estanse cubrindo con profesorado de garda que, a pesares da súa boa vontade, non pode cubrir as necesidades formativas que demanda o alumnado”.

A edil do BNG anunciou que “imos preguntarlle ao goberno municipal polas medidas que pensa tomar a este respecto, se ten previsto iniciar un proceso de contratación de profesorado que poida facer substitucións en materias específicas e que prazos manexa”. Ademais o BNG preguntará, tamén, polas posibilidades reais de que o concello conte con listas de substitución de profesorado para a Escola Municipal de Música e cales son prazos nos que se podería poñer esto en marcha.

“O goberno municipal non é capaz de dar solución á estabilidade laboral necesaria do persoal da Escola de Música e eso arrastra a estas situacións” sinalou Maite Ferreiro que lembrou as situacións que se teñen vivido ultimamente na banda de música e na propia escola “a banda segue sen dirección e sen xefatura de servizo”. Ademais as funcións do persoal que atende a Escola Municipal de Música depende de dúas concellerías “media xornada son profesionais da banda de música e dependen de Cultura e a outra media xornada exercen como docentes e dependen de Educación” sinalou Ferreiro.