PARA O BNG – AA “É NECESARIO ADOPTAR SOLUCIÓN PRÁCTICAS E EVITAR ENREDOS BUROCRÁTICOS QUE FAN QUE O RURAL DE LUGO SE CONVERTA NUN MACRO-VERTEDOIRO DISCONTINUO”

O BNG – AA pide a erradicación dos vertedoiros incontrolados na zona de Albeiros e As Saamasas

Arroxo lembrou “hai unha proposta do BNG aprobada no pleno fai un ano pero o goberno municipal segue ignorando este problema que se estende na periferia da cidade”

O BNG – AA pide a erradicación dos vertedoiros incontrolados na zona de Albeiros e As Saamasas

Lugo, 14 de setembro, 2017. O BNG - AA solicitará do goberno municipal que se actue para eliminar os vertedoiros de lixo incontrolados da zona de Albeiros, no entorno do Ceao e de Saamasas. Rubén Arroxo lembrou que “fai un ano aprobouse no pleno unha iniciativa do BNG para reclamar un plan de erradicación dos vertedoiros incontrolados de lixo que proliferan no rural do municipio” e sinalou “o goberno municipal segue ignorando este problema que se estende na periferia da cidade”. Para o BNG – AA “é necesario adoptar solucións prácticas e evitar enredos burocráticos que fan que o rural de Lugo se converta nun macro-vertedoiro descontinuo”.

Arroxo anunciou que “dende o BNG imos seguir traballaando para que estes vertedoiros desaparezan e conseguir que Lugo volva ser o espazo limpo que ten que ser”. Rubén Arroxo explicou que “no plano teórico existe unha solución sinxela que é chamar ao 010, mais a falta de coordinación da alcaldía co resto das concellerías impide que na práctica se executen as limpezas dos puntos denunciados” e engadiu “para efectivizar a limpeza dun vertedoiro ten que haber un informe da policía, despois a concellería tramita o expediente e a empresa URBASER é a encargada de executar a limpeza, pero este procedemento pode chegar a demorarse varios meses pola falta de coordinación e atención da equipa de goberno”.

Arroxo reiterou a necesidade de “facer campañas informativas polas parroquias para que a xente saiba a onde dirixirse se saben dalgún punto de acumulación de lixo”. Para o BNG – AA é fundamental contar coa colaboración das veciñas e veciños que viven no rural “por que son os que coñecen todas as pistas e corredoiras nas que é habitual que aparezan os vertedoiros incontrolados”. Dende o goberno municipal deberíase establecer contacto cos pedáneos e cos presidentes das comunidades de montes e poñer os medios dos que dispón o concello a disposición dun plan de erradicación de vertedoiros que sexa sostible e con continuidade no tempo.