A EDIL DO BNG-AA SINALOU QUE “UNHA VEZ PUBLICADA NO BOP A APROBACIÓN DEFINITIVA DO REGULAMENTO, NON HAI MOTIVO PARA SEGUIR RETRASANDO A SÚA POSTA EN MARCHA ”

O BNG-AA pide a inmediata conformación do Consello Municipal de Turismo “para activalo de cara ao 2017”

“Entre todas temos que poñer en marcha solucións urxentes para a revitalización do Casco Histórico, do seu comercio e da hostalería” afirmou Maite Ferreiro

O BNG-AA pide a inmediata conformación do Consello Municipal de Turismo “para activalo de cara ao 2017”

Lugo, 21 de decembro 2016. “O 2017 ten que ser un ano no que cambie o rumbo desta cidade” dixo Maite Ferreiro e reclamou a inmediata convocatoria e constitución do Consello Municipal de Turismo. “Estamos vendo, e sábeno comerciantes e hostaleiros, que o turismo é un dos revulsivos económicos desta cidade e sobre todo do casco histórico” dixo Maite Ferreiro e explicou que ““unha vez publicada no BOP, do mércores 21 de decembro, a aprobación definitiva do Regulamento que rexe o funcionamento deste Consello Municipal e define a súa composición, non hai motivo para seguir retrasando a súa posta en marcha ”.

“Entre todas temos que poñer en marcha solucións urxentes para a revitalización do Casco Histórico, do seu comercio e da hostalería” afirmou Maite Ferreiro e lembrou como “día tras día vemos como van pechando comercios e establecementos en distintas zonas da cidade, pero tamén no casco histórico”. Para Ferreiro “o goberno ten que poñer os medios, os axentes vencellados ao sector a súa experiencia e dende a oposición sumaremos o noso traballo para axilizar a posta en marcha de medidas que sirvan para que Lugo incremente, ano a ano, a cantidade de visitantes que recibe”.

Para o BNG-AA “o turismo medra en Lugo a pesar deste goberno municipal”, Maite Ferreiro explicou que “o concello de Lugo carece de propostas de promoción turística e o goberno non é capaz nin de executar a creación do Consello Municipal de Turismo para tratar de establecer políticas que reforcen a captación de turismo para a cidade de Lugo e para o resto do concello”. “A pesares de que no concello de Lugo conflúen tres elementos Patrimonio da Humanidade, o goberno municipal non foi capaz de crear paquetes turísticos que, ademais de atraer turistas, promovan o incremento das pernoctas na cidade” explicou Ferreiro.

BNG-AA pide, unha vez máis, a creación do Consello Municipal de Turismo e, a súa edil, Maite Ferreiro, lembra que “o pasado mes de marzo o goberno municipal anunciou a súa creación despois de aprobala na Xunta de Goberno do 30 de marzo”. Maite Ferreiro sinalou que “no mes de xuño aprobouse, en sesión plenaria e por unanimidade, o regulamento de funcionamento de este órgano que debería servir para promover o turismo no noso concello e agora xa non quedan máis trámites administrativos que impidan poñer a funcionar este órgano que debe ser práctico, axil e resolutivo”.

O BNG-AA pide a inmediata conformación do Consello Municipal de Turismo “para activalo de cara ao 2017”