ARROXO LEMBROU QUE “SERÁN NECESARIOS FONDOS PARA CONSERVAR A ENTRADA EN LUGO DO CAMIÑO PRIMITIVO, ADEMAIS DOS FONDOS EDUSI QUE SERVIRÁN PARA MANTER O TRAMO DE SAÍDA”

O BNG-AA pide a limpeza das pintadas no Camiño Primitivo

Para o BNG-AA “haberá que facer un esforzo na conservación e mellora do entorno do Camiño Primitivo que é unha das principais canles de entrada de visitantes”

O BNG-AA pide a limpeza das pintadas no Camiño Primitivo

Lugo, 20 de abril de 2017. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, visitou o tramo do camiño no barrio da Chanca que a pesar das melloras feitas por iniciativa dos propietarias hai inmobles cheos de pintadas que afean a zona. Para o BNG-AA “haberá que facer un esforzo de cara a época estival na conservación e mellora do entorno do Camiño Primitivo que é unha das principais canles de entrada de visitantes”.

Ademais, dende o BNG – AA, propuxeron que se poña en funcionamento unha fonte de auga na zona de chegada do Camiño Primitivo á ronda de Fontiñas. “Parécenos axeitado que nun sitio que se chama Fontiñas se poidan abastecer de auga as persoas que fan o Camiño” dixo Rubén Arroxo que explicou “xente desta zona nos informou de que á chegada a Lugo son moitos os peregrinos que preguntan pola ubicación das fontes para poder encher as súas cantimploras”.

A eliminación das pintadas e da maleza, a posta en funcionamento dunha fonte para peregrinos e a mellora na sinalización do Camiño Primitivo son as propostas do BNG-AA. O BNG – Asembleas Abertas trasladará ao goberno municipal a necesidade de intervir no Camiño Primitivo no tramo máis próximo a cidade. “Chegáronnos queixas da existencia de pintadas en vario inmobles no Camiño Primitivo no barrio da Chanca e acudimos por que é necesario insistir para que o goberno municipal actúe” dixo Rubén Arroxo.

 “Ademais da existencia de pintadas comprobamos como a maleza está a encher o entorno do Camiño Primitivo” informou Rubén Arroxo e engadiu que “hai moitas pequenas melloras que se poden facer con poucos cartos e que mellorarían considerablemente o aspecto do tramo do camiño no concello de Lugo”.