OS NACIONALISTAS PROPOÑEN QUE SE MATERIALICE UN PLAN A DESENVOLVER EN 10 ANOS PARA “GAÑAR A MURALLA E O SEU ENTORNO PARA AS PERSOAS”

O BNG-AA presentou o Plan de Humanización da Muralla 2017-2027

“Apostamos por readaptar o plan de mobilidade que costou 120.000 € e nunca se tivo en conta” dixo Rubén Arroxo

O BNG-AA presentou o Plan de Humanización da Muralla 2017-2027

Lugo, 15 de maio 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou hoxe o Plan de Humanización da Muralla 2017-2027. Arroxo, que estivo acompañado de militantes e simpatizantes, sinalou que temos propostas serias para “gañar a muralla e o seu entorno para as persoas” e “entendemos que para facer as cousas ben feitas hai que facelas con tempo, por eso propoñemos un plan a 10 anos vista”. Unha iniciativa para o pleno da corporación vehiculizará esta proposta para que se poida materializar dende o concello de Lugo.

revisar o Plan de Mobilidade que custou case 120.000€

Arroxo explicou que “o debate aberto na última época en Lugo demostra que a maioría da veciñanza apostaría por ter nun futuro unha Ronda da Muralla convertida nun espazo para as persoas e libre de vehículos”. Para o BNG-AA está claro que “con esto melloraría a calidade de vida da nosa cidade, na diminución de gases contaminantes e ruídos e na protección física da Muralla”. Precisamente a principal causa das fisuras que ten a Muralla se deben ás vibracións dos vehículos que por ela circulan, polo que se queremos conservar o noso monumento máis simbólico para as vindeiras xeracións, precisamos de tomar medidas valentes e con visión de futuro.

Dende o BNG-AA apóstase pola humanización e peonalización total da Ronda da Muralla, sendo conscientes de que iso non é posible facelo de forma inmediata e que require dun plan de futuro, onde se estuden e se deseñen as alternativas de tráfico que serían precisas, onde se eliminen os tapóns urbanísticos existentes, onde se programen itinerarios de tráfico eficientes e onde se faga un plan para promover un transporte público eficaz e sistemas de mobilidade alternativos. Arroxo dixo que “estas cuestións son perfectamente viables con un proxecto claro de cidade, un proxecto no que se visualice o Lugo cara o que se queira ir nas próximas décadas, e a nosa organización ten totalmente claro que ese Lugo non é posible sen crear no espazo urbano sustentable”.

Rubén Arroxo apostou por revisar o Plan de Mobilidade que custou case 120.000€ sen que se chegase a usar, tendo en conta que moitas das cuestións son inviables, e outras terían que ir noutra liña. Nestas últimas habería que enfocar a propia peonalización da ronda, xa que o Plan de Mobilidade só recolle a peonalización dalgúns tramos e non a súa totalidade, algo que afectaría ao movemento de vehículos en toda a superficie urbana do concello. Dentro destas actuacións estaría o deseño de grandes mazás ou a segunda ronda para redireccionar o tráfico rodado.

 

Nota: Achégase corte de voz e fotos