“ESTA É OUTRA DAS SOLUCIÓNS QUE APORTA O BNG-AA PARA O PROBLEMA DE APARCAMENTO DA CIDADE TRAS O PECHE DO ANXEL FOLE E PÓDESE APLICAR DE XEITO INMEDIATO” AFIRMOU ARROXO

O BNG-AA propón un bus gratuíto para unir a Ronda da Muralla co Pazo Municipal de Deportes

Rubén Arroxo no rexistro municipal
Rubén Arroxo no rexistro municipal

A liña de transporte público gratuíto daría unha volta á ronda da Muralla e transladaría a usuarios dende o aparcadoiro do Pazo Municipal de Deportes ata o centro da cidade

O BNG-AA propón un bus gratuíto para unir a Ronda da Muralla co Pazo Municipal de Deportes

Lugo, 16 de decembro 2016. O voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, transladoulle no día de hoxe unha proposta por escrito ao goberno municipal con varias medidas que definiu como “solucións prácticas” para dar solución aos problemas de aparcamento que previsiblemente se xerarán en caso de peche do aparcadoiro de Ánxel Fole. Rubén Arroxo propuxo unha liña de autobús gratuíta para unir o centro da cidade co aparcadoiro da traseira do Pazo Municipal de Deportes. Esta proposta engádese á presentada polos nacionalistas en días pasados de crear varios aparcadoiros disuasorios no entorno da ronda da Muralla.

A liña de transporte público gratuíto daría unha volta á ronda da Muralla e transladaría a usuarios dende o aparcadoiro do Pazo Municipal de Deportes ata o centro da cidade, segundo explicou Rubén Arroxo e afirmou que “esta é outra das solucións que aporta o BNG-AA para o problema de aparcamento da cidade tras o peche do Anxel Fole e pódese aplicar de xeito inmediato”. Para o BNG-AA a implantación desta medida podería ser “inmediata”, mentres se traballa na creación dos aparcadoiros disuasosorios.

O BNG-AA xa presentara, en días pasados, unha proposta para que o goberno municipal traballara na creación de 3 aparcadoiros disuasorios públicos no entorno da Ronda para “abrilos antes de febreiro”, Arroxo explicou que os tres espazos que se poderían destinar a aparcadoiros disuasorios están no entorno da ronda da Muralla. Un deles estaría na rúa Castelao, onde existe un predio cunhas superficie similar, ou superior, á do actual parking de Ánxel Fole. Outra posibilidade é outro espazo, que xa foi utilizado como aparcadoiro nas inmediacións da rotonda que une as rúas Monforte, Paradai d´Arriba e río Sil. Ademais, o voceiro do BNG-AA tamén sinalou como posibilidade os solares existentes na rúa Poeta Noriega Varela ao carón da ronda da Muralla.