“PÓDENSE DELIMITAR ALGÚNS ITINERIARIOS CARA O VINDEIRO CURSO E PARA ESTO DEBEN TRABALLAR CONXUTAMENTE OS DEPARTAMENTOS DE TRÁFICO E EDUCACIÓN” SINALOU FERREIRO

BNG-AA propón que se empecen a deseñar itinerarios escolares seguros de cara ao vindeiro curso

Maite Ferreiro dixo que “está é unha proposta para facer de Lugo unha cidade máis amable coas nenas e cos nenos, a rúa será o seu espazo”

BNG-AA propón que se empecen a deseñar itinerarios escolares seguros de cara ao vindeiro curso

Lugo, 29 de agosto 2017. O BNG – Asambleas Abertas propón a implantación de Itinerarios Escolares Seguros para o vindeiro curso escolar. Esta proposta xa foi feita polos nacionalistas en outras ocasións. A edil do BNG – AA lembrou que “os Itinerarios Escolares Seguros xa están a funcionar noutras cidades, como é o caso de Pontevedra, e teñen como obxectivo o agrupamento de persoas da comunidade escolar á hora de transitar, a pé, cara os centros escolares”. Estes itinerarios terían un ou varios trazados asignados a cada centro educativo e poríase en marcha en colaboración cos propios centros, as familias e coa participación voluntaria dos comerciantes da zona.

Segundo explicou Maite Ferreiro “a creación destes itinerarios suporía a colocación e sinalización pertinente do camiño a seguir así como dos puntos de encontro dos nenos/as e familiares para realizar xuntos/as o itinerario diario ao centro dun xeito máis seguro”. Os nenos e nenas estarían acompañados por persoas que, implicadas na implantación dos itinerarios, contribuísen a facer máis seguro o transito dos escolares, sobre todo nos cruces e intersecións.

O BNG – Asambleas Abertas aposta pola implantación dos Itinerarios Escolares como un xeito máis de “camiñar cara unha cidade máis humanizada, para as persoas”. Na posta en marcha destes itinerarios estarían implicados os propios centros escolares, as ANPAS e o goberno municipal. A creación de itinerarios escolares foi unha proposta levada a pleno polo BNG o 29 de xuño de 2009 e aprobada por tódalas forzas políticas. No momento da elaboración da Ordenanza Municipal de Circulación o BNG tamén incluíu, entre as súas alegacións, que se crease un apartado adicado a regular o funcionamento destes Itinerarios Escolares.