ADEMAIS O BNG-AA TAMÉN RECLAMA QUE SE REVISE A REDE DE SUMIDOIROS NA AV. DA CORUÑA OU O REMATE DA REHABILITACIÓN DA RÚA DOS FORNOS DA TINERÍA ONDE TAMÉN HOUBO PROBLEMAS

O BNG-AA propón un sistema de desaloxo de augas da choiva en Fontiñas

Rubén Arroxo apostou por “estudar a implantación dun sistema que permita evacuar as augas pluviais cara o río Rato nos días de fortes de choivas”

O BNG-AA propón un sistema de desaloxo de augas da choiva en Fontiñas

Lugo, 28 de maio 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, trasladou unha petición ao goberno municipal para que se estude a implantación dun sistema que permita evacuar as augas pluviais cara o río Rato nos días de fortes de choivas. Arroxo sinalou que “nesta fin de semana se volveron revivir problemas que xa se deron en anos anteriores e que son reiterados cada vez que chove de xeito torrencial nesta cidade”. Un sistema de aliviadeiros canalizados cara o Rato podería dar solución a falta de capacidade da rede de sumidoiros nos días de fortes choivas.

Arroxo lembrou que o BNG xa pediu, en anteriores ocasións, que se adoptaran medidas para previr os efectos dos anegamentos nesta zona da cidade. Arroxo lembrou que a finais de 2014 se fixeron unhas obras en Fontiñas “e naquel momento o BNG advertiu que se debían tomar medidas para evitar os problemas que se dan cando chove torrencialmente”. Tamén o pediu o BNG cando PP e PSOE pactaron o destino dos remanentes do concello no ano 2015 “pero nada se fixo por que agora volvemos revivir aqueles episodios” concluiu Arroxo.

“Ademais dos anegamentos da rúa e as inundacións de diversos baixos e establecementos comerciais, que se produciron na fin de semana, as chuvias poderían afectar novamente a estabilidade do talude existente entre a rúa de Fontiñas e o parque dos Paxariños” advertiu Rubén Arroxo e sinalou que “as persoas que residen na zona e comerciantes están fartos de que se fagan obras na zona e non se busque unha solución definitiva”.

Outras zonas da cidade afectadas

Ademais o BNG-AA tamén reclama que se revise a rede de sumidoiros na Av. da Coruña ou o remate da rehabilitación da rúa dos Fornos da Tinería onde tamén houbo problemas. Arroxo sinalou a necesidade de que a Xunta de Galiza remate a rehabilitación do barrio da Tinería onde “rúas como a dos Fornos que están sen rematar sufriron os efectos da choivas con arrastre de terra e suciedade que invadiron a rúa e aumentaron o grado de deterioro da zona”. Tamén nalgunhas zonas da av. da Coruña houbo problemas polo deficiente mantemento e limpeza da rede de sumidoiros.