OS NACIONALISTAS PROPOÑEN QUE A PATRULLA VERDE DA POLICÍA LOCAL ACTÚE COMO ÓRGANO DENUNCIANTE DE IRREGULARIDADES NO CASO DE PLANTACIÓNS DE EUCALIPTO

O BNG-AA proporá no Pleno a declaración do Concello de Lugo como zona libre de eucaliptos

IMG_9495

“Existe unha importante preocupación social e un intenso debate sobre o avance da plantación de eucalipto e en Lugo temos que preservar a nosa paisaxe” dixo Ferreiro

O BNG-AA proporá no Pleno a declaración do Concello de Lugo como zona libre de eucaliptos

Lugo, 13 de maio 2017. O edil do BNG-AA no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou a presentación dunha iniciativa para que o pleno da corporación se pronuncie a favor de declarar o concello de Lugo como territorio libre de eucaliptos. Ferreiro dixo que “a nosa proposta vai encamiñada a declarar o termo municipal de Lugo como zona libre de eucaliptos naquelas zonas nas que a lexislación impida a súa plantación e co compromiso de promover medidas de potenciación das especies autóctonas para incrementar progresivamente a superficie libre de eucaliptais”.

Ferreiro sinalou que “existe neste momento unha importante preocupación social e un intenso debate sobre o avance da plantación de eucalipto en terreos destinados á produción forestal e tamén en terreos nos que estaría prohibida a súa plantación”. Galiza pasou, dende o ano 1980, dunha superficie de eucaliptais de 141.000 has. a unha superficie ocupada por estas plantacións de 250.000 has. nas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra. “Neste momento o eucalipto ocupa case unha cuarta parte da superficie arborada de Galiza” afirmou Maite Ferreiro.

O incremento de superficie ocupada polas plantacións de eucalipto supón unha perda de biodiversidade que incide negativamente no territorio, incrementa o risco de incendios forestais, provoca a seca de acuiferos e a progresiva erosión dos montes. Intereses económicos de grandes empresas impulsan a destrución da nosa superficie agraria útil. As decisións políticas, cando se toman polo ben das persoas e dos territorios, poden ser valentes e decididas. Outra cousa son as políticas que amparan as grandes empresas que converten o noso medio natural nun obxecto da especulación económica.

A Lei de Montes de 2012 prohibiu plantar eucaliptos en terreo agrícola, nas marxes dos ríos, na proximidade das casas e tamén establecía limitacións para o cultivo na Rede Natura. “Estas prohibicións estanse a incumprir en boa parte do noso territorio e as administracións deixan en mans de denuncias particulares a responsabilidade do cumprimento da Lei” dixo Ferreiro e engadiu que “as administración locais teñen que ser parte proactiva á hora de velar pola defensa do medioambiente e da riqueza paisaxística do territorio”

Denuncias de oficio pola Polícia Local

Na proposta presentada polo BNG-AA tamén se propón que o goberno municipal artelle os mecanismos necesarios para que a Patrulla Verde da Policía Local actúe como órgano denunciante de irregularidades no caso de plantacións de eucalipto que, no termo municipal de Lugo, incumpran calquera normativa ou lexislación aplicable. “Con esto evitariamos que teñan que ser as veciñas e veciños de Lugo quen se denuncien uns a otros que é o que ocurre neste momento, mentres as administracións miran para outro lado” asegurou Maite Ferreiro.

O BNG-AA proporá no Pleno a declaración do Concello de Lugo como zona libre de eucaliptos