DENDE O BNG VALOROUSE A PROPOSTA DO GOBERNO LOCAL PARA XESTIONAR OS BAIXOS DA TINERÍA E PEDIUSE “QUE NON TEÑAMOS QUE PAGARLLOS Á XUNTA COMO SUCEDEU CO AUDITORIO”

O BNG-AA proporá que a Xunta ceda os locais da Tinería ao Concello sen coste “pola débeda que ten con Lugo”

Rubén Arroxo entregándolle unha proposta ao Delegado da Xunta nun acto na Tinería
Rubén Arroxo entregándolle unha proposta ao Delegado da Xunta nun acto na Tinería

Arroxo lembrou que “o PP leva anos castigando a Lugo e ten moitas débedas con esta cidade, non sería entendible que o concello tivese que pagar por patrimonio que xa é público”

O BNG-AA proporá que a Xunta ceda os locais da Tinería ao Concello sen coste “pola débeda que ten con Lugo”
Lugo, 22 de novembro de 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, valorou como interesante a proposta do goberno local de optar a conseguir a propiedade dos locais da Tinería que neste momento son propiedade da Xunta. Arroxo dixo que “está claro que o PP o único que quere é desfacerse dos locais por que nin saben que facer con eles, nin queren facer nada con eles” e engadiu “dende a xestión municipal pódense impulsar iniciativas para que estes locais de titularidade pública poidan converterse en espazos para a creación de novas empresas ou iniciativas de autoemprego”.

Arroxo lembrou que “o PP leva anos castigando a Lugo e ten moitas débedas con esta cidade, non sería entendible que o concello tivese que pagar por patrimonio que xa é público”. Para o BNG a Xunta debe de entregar os locais ao Concello a través dunha cesión e “en ningún caso o concello debe pagar por estes locais” que “é patrimonio de todos os lucenses e todas as galegas”. O voceiro do BNG puxo como exemplo de “desproposito” o que xa sucedeu coa dotación do auditorio de Lugo e afirmou “non pode volver a repartirse algo así, por que non pode ser que os lucenses teñamos que pagar dúas veces todas as intervencións que a Xunta faga en Lugo”.

“Aínda que a proposta feita polo goberno municipal semella interesante, estaremos vixiantes ás negociacións entre o PP e o PSOE sobre este asunto” dixo Rubén Arroxo que lembrou o sucedido cos acordos entre o goberno do PP na Xunta e o goberno do PSOE no concello de Lugo en relación ao Plan Paradai, ao Cuartel de San Fernando ou á dotación do Auditorio,  “Todos estas negociacións entre PP e PSOE remataron por ser lesivas para os intereses dos lucenses” sinalou Arroxo e fixo fincapé nos acordos de paralización, entre Xunta e Concello, do Plan Paradai e da Creación do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando.