A EDIL MAITE FERREIRO DIXO QUE “AÍNDA QUE APARENTEMENTE TODO VAI SOBRE O PREVISTO, A REALIDADE É QUE O EDIFICIO SEGUE PECHADO E NON HAI UN PRAZO CONCRETO PARA A SÚA APERTURA”

O BNG-AA reclama explicacións sobre a evolución das obras do Antigo Cárcere

Os nacionalistas propoñen unha visita ao edificio para coñecer o seu actual estado xa que “moitos ediles que formamos esta nova corporación non estivemos no edificio”

O BNG-AA reclama explicacións sobre a evolución das obras do Antigo Cárcere

Lugo, 4 de novembro 2016. A edil do BNG-Asembleas Abertas, Maite Ferreiro, anunciou que a formación que representa solicitará do goberno municipal información sobre a evolución das obras do edificio do Antigo Cárcere. Ferreiro sinalou que “as persoas que vivimos en Lugo vemos, dende fai anos, que este edificio está en obras pero parece que non rematan nunca e o goberno municipal non da suficientes explicacións sobre o avance das obras e cales son os atrancos que impiden o seu avance”.

Maite Ferreiro dixo que “igual que sucede co edificio do novo auditorio, vemos o continente pero ninguén fala do contido” e propuxo unha visita ao edificio para coñecer o seu actual estado xa que “moitos ediles que formamos esta nova corporación non estivemos no edificio”. “O edificio do antigo cárcere vai ter que destinarse a usos culturais, mais sospeitamos que o goberno municipal non ten definido cales van ser nin como se vai xestionar este espazo que debería ser referente cultural na cidade” afirmou Ferreiro.

Para o BNG-AA “o concello non pode reproducir, co edificio do antigo cárcere, o que está a facer a Xunta co edificio do auditorio por esto entendemos que deben facilitar aos representantes elixidos democraticamente todos os datos para poder facer propostas sobre o futuro deste edificio e da actividade cultural que se desenvolva no concello”. Maite Ferreiro sinalou que “hai que tomar en serio as políticas culturais que se van levar a cabo e abordar cales van ser os contidos dos espazos por que co cemento e o ladrillo non é co que se fai cultura”.

Merma de efectivos no departamento de cultura

A edil nacionalista, Maite Ferreiro, tamén manifestou a súa preocupación pola situación na que se atopa o servizo de cultura do concello que definiu “por debaixo de mínimos”. Tras a xubilación da xefa do servizo e a cercana xubilación dalgún dos traballadores que desenvolven a súa actividade na área de cultura “vai ser complicado que o concello poida manter todo o traballo que se fai agora mesmo dende este departamento e ademais acometer a xestión cultural de espazos como o Antigo Cárcere e o novo Auditorio”. Ferreiro lembrou que “a esto hai que sumar a inmediata xubilación do actual director da Banda de Música que, parece, tampouco se está a considerar polos responsables do goberno socialista”.