PARA O BNG “CON UN 20% DE VIVENDAS BALEIRAS E UN 30% DE VIVENDAS NAS QUE HABITA UNHA ÚNICA PERSOA ESTÁ CLARO QUE LUGO TEN QUE APOSTAR POR UN MODELO DIFERENTE”

O BNG aposta por un cambio no modelo urbanístico de Lugo que ten máis de 17.831 vivendas baleiras

“Lugo é a terceira cidade do estado con máis vivendas baleiras, segundo os datos publicados polo INE” informou Rubén Arroxo

O BNG aposta por un cambio no modelo urbanístico de Lugo que ten máis de 17.831 vivendas baleiras

Lugo, 18 de abril de 2018. Segundo un informe que ven de publicar o INE, Lugo é a terceira cidade do Estado que ten máis vivendas baleiras. Lugo, con un 20% de vivendas baleiras, unicamente está superada por Ourense (21.71%) e Manresa (23.82%). “Con estes datos na man cada vez temos máis claro o que sempre dixemos dende o BNG, que Lugo precisa doutro modelo urbanístico diferente ao que aprobaron PP e PSOE nun PXOM moi cuestionado” sinalou Rubén Arroxo. Para o BNG “con un 20% de vivendas baleiras e un 30% de vivendas nas que habita unha única persoa está claro que Lugo ten que apostar por un modelo diferente”.

Os datos publicados polo INE no seu informe sobre Indicadores Urbanos reflicten que na Galiza hai un total de 299.396 vivendas baleiras, segundo o último censo oficial, correspondente ao exercicio 2011. En relación á cidades con máis vivenda baleira preséntase unha listaxe de 111 cidades na que o primeiro posto corresponde á catalá Manresa, onde 23,8% das vivendas están baleiras. En segundo posto figura Ourense, con 21,7%; seguida de Lugo, con 20,7% e de Ferrol, con 19,7% das súas vivendas sen habitar. A media estatal é de 13,6%. Porcentaxes todas elas moi afastadas das cidades madrileñas de Coslada, Majadahonda, Alcobendas e Móstoles, onde a porcentaxe de vivendas sen habitar non chega ao 4%.

Os datos do ranking de cidades con vivendas deshabitadas publicados polo INE son relativos ao ano 2011 (aínda que foron publicados na semana pasada). Pero os datos máis recentes relativos ao ano 2016 continúan na mesma tónica xa que indican que Lugo conta cun total de 40.433 vivendas habitadas e un parque de vivendas total de 58.264 vivendas, esto implica que  na cidade de Lugo existen 17.831 sen habitantes.

Rubén Arroxo avanzou que “o BNG apostará, como ven facendo historicamente, por un urbanismo encamiñado á recuperación dos barrios e non polo actual modelo expansivo que segue promovendo a construción de vivendas novas e non pola rehabilitación”. Arroxo fixo fincapé que “non pode ser que se deixen abandonar barrios como a Milagrosa mentres se perpetran barbaridades como a macro urbanización das Saamasas”. O informe reflicte unha auténtica sangría demográfica e de abandono da cidade “se non revertemos esta situación podemos camiñar cara auténticas cidades fantasma” dixo Rubén Arroxo.

Un 30% das vivendas habitadas por unha única persoa

Os datos que recolle o INE indican que un 30% das vivendas da cidade de Lugo está ocupadas por unha única persoa. Se engadimos esto a que o 20% das vivendas están totalmente baleiras o dato é “absolutamente preocupante” afirmou Arroxo e explicou “seguramente unha grande porcentaxe das vivendas cunha única habitantes, están ocupadas por persoas de avanzada ideade e nun horizonte de dez ou vinte anos poderán quedar tamén baleiras”. O INE considera, para a realización destes estudos, unha vivenda baleira cando non é residencia habitual de ningunha persoa, nin é utilizada de xeito estacional, periódico o esporádico por ninguén.

ENLACE WEB ine: http://www.ine.es/ss/Satellite?L=es_ES&c=INESeccion_C&cid=1259944578284&p=1254735110672&pagename=ProductosYServicios%2FPYSLayout&param1=PYSDetalleFichaSeccionUA&param3=1259944561392