RUBÉN ARROXO E MAITE FERREIRO MANTIVERON UNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DE FORZAS SINDICAIS

O BNG aposta “un marco de relacións laborais galego para combater a precariedade laboral”

“Temos que dotarnos de ferramentas, como un tarifa eléctrica galega, verdadeiramente útiles para a creación de emprego” afirmou Maite Ferreiro

O BNG aposta “un marco de relacións laborais galego para combater a precariedade laboral”

Lugo, 9 de abril de 2019. En representación do BNG, Maite Ferreiro e Rubén Arroxo, mantiveron unha xuntanza con representantes de forzas sindicais para “poder achegar as necesidades das traballadoras e traballadores ás institucións onde se toman as decisións que lles afectan directamente”. Pola súa banda, Maite Ferreiro afirmou “é preciso a derrogación das dúas reformas laborais aprobadas polo PSOE e o PP” ao tempo que defendeu “a creación dun marco de relacións laborais galego que permita crear condicións de traballo dignas.”

Ferreiro lembrou que o “paro e a precariedade laboral” son dúas das cuestións que “máis preocupan” á sociedade. “Non pode ser que Galiza manteña os salarios máis baixos de todo o estado” e que “nos últimos anos os contratos asinados estexan marcados pola temporalidade e a parcialidade” o que torna “estar explotada case nun privilexio”.

Ademais, Maite Ferreiro defendeu a creación dun novo sistema de protección do desemprego que asegure a prestación a todas as persoas sen un posto de traballo. “Hai que ter en conta que moitas das persoas desempregadas non contan con ningunha prestación na actualidade”. Para o BNG é preciso “apostar nos sectores produtivos galegos para poder crear traballo” e para iso, subliñou, “precisamos capacidade de decisión real sobre eles”.